mércores, 8 de novembro de 2023

I Concurso de Fotografía Matemática

 





       Este martes, 7 de novembro, celebramos no noso instituto o I Concurso de Fotografía Matemática.




       Mirastes ata o recunchiño máis pequeno en busca da foto gañadora.




      Agradecemos a vosa participación, foi todo un  ÉXITO! 




Agora só queda esperar os resultados e saben quen gañou. 



MOITA SORTE!!!

venres, 3 de novembro de 2023

Samaín na biblioteca

 Samaín na biblioteca

 Lecturas e gastronomía


Chulas de cabaza


Ingredientes:

¾ de quilo de cabaza

6 ovos

150 gramos de pan relado

Sal e pementa

Manteiga de porco



Non deixedes de vir pola biblioteca!!



E viñestes!!!

Aquí tendes unha pequena mostra fotográfica da xornada.




Graciñas, e parabéns, ao alumnado de FBásica de Cociña e Restauración e ao seu profesor polas chulas de cabaza, as pastas...!!!😋😋😋












Graciñas, e parabéns, a Mar pola súa saborosa torta-cadaleito!!!




E a vós, graciñas por participardes!!!

xoves, 26 de outubro de 2023

Samaín 23 na biblioteca

 


 

Atréveste a vir á biblioteca estes días de samaín? Atoparás moitas sorpresas, non só en libros e películas... algunhas serán 'deliciosas'... outras, 'terroríficas'...



Cocos, colondros, caveiras de melón, calacús, calabazotes ... estes son algúns nomes cos que podemos chamar ás cabazas do samaín, ás caveiras acesas para celebrar a última noite de outubro, a noite da festa celta do samaín, a noite que despois se chamou de defuntos. Por toda Galicia se celebra o final do verán e a entrada do outono e do inverno decorando cabazas, e moitas veces coincidía cos magostos, outra festa popular en que se asan outros froitos desta estación, as castañas.

Pois sabiades que antes se facían con nabos, con remolachas grandes ou con sandías chamadas ‘melón de auga’? Baleirábanse igualmente e poñíase dentro un anaco de carbón prendido ou unha vela. Así o facían en Irlanda, en Euskadi ou en Navarra.

Deixábanse nas portas, nos portais, nas beiras dos camiños ou en lugares escuros para que asustasen a xente que pasaba por alí. Ou eran para espantar os malos espíritos como os da Santa Compaña?

Esta tradición forma parte do noso patrimonio cultural inmaterial que debemos protexer, non vos parece? Se non se conservase non tería aparecido o Halloween en América!


Por esta razón desde a biblioteca animámosvos tamén a que decoredes a vosa cabaza e a presentedes no concurso que o Departamento de Inglés ten organizado estes días.


E que máis podemos facer coas cabazas? Pois tamén temos outra proposta cultural que facervos: esta vez, gastronómica. Álvaro Cunqueiro, un dos grandes escritores galegos do pasado século (que seguro coñecedes algúns e algunhas de vós!) tamén foi un destacado gastrónomo que publicou algúns libros de receitas galegas. Pois velaquí unha coa cabaza de protagonista, moi sinxela para que vos animedes a realizala en casa.


Chulas de cabaza.

Ingredientes:

¾ de quilo de cabaza

6 ovos

150 gramos de pan relado

Sal e pementa

Manteiga de porco


Á cabaza quítaselle a tona e as pebidas e ponse a cocer en auga con sal. Unha vez cocida redúcese á pasta e mestúrase cos ovos e o pan relado e sazónase de sal e pementa.

Con esta masa fórmanse unhas tortas, rebózanse en ovo e pan relado e frítense en manteiga de porco. (Poden substituírse os 150 gramos de pan relado por pataca cocida).


Se preferides unha versión doce das chulas de cabaza, tédela aquí neste blog.

Ademais teñen unha receita de 'madalenas de chocolate terroríficas' para quen se anime a seguir creando. 

Non deixedes de vir pola biblioteca!!



E viñestes!!!

Aquí tendes unha pequena mostra fotográfica da xornada.




Graciñas, e parabéns, ao alumnado de FBásica de Cociña e Restauración e ao seu profesor polas chulas de cabaza, as pastas...!!!😋😋😋












Graciñas, e parabéns, a Mar pola súa saborosa torta-cadaleito!!!




E a vós, graciñas por participardes!!!





mércores, 11 de outubro de 2023

I Concurso de Fotografía Matemática

 




Non o dubides e participa!!!





I Concurso de Fotografía Matemática


Bases:


1. Pode participar todo o alumnado que estea matriculado no IES Terra de Xallas no curso 2023-24.


2. Cada participante presentará unha única fotografía realizada dentro do recinto do instituto o día 7 de novembro entre as 10:50 e as 12:30.


3. Para poder participar neste concurso, o alumnado deberá anotarse na biblioteca, durante os recreos, ou comunicárllelo ao xurado antes do 31 de outubro.


4. A fotografía enviarase ao correo electrónico da biblioteca bibliotecaxallas@gmail.com. No asunto débese indicar “I Concurso de Fotografía Matemática” e no texto escribiranse os datos (nome, apelidos, curso e grupo). Non se admitirán as fotografías enviadas despois do 7 de novembro ás 12:30.


5. Estableceranse tres categorías:


  • 1º e 2º ESO

  • 3º e 4º ESO, Formación Profesional Básica, Ciclos Formativos de Grao Medio

  • 1º e 2º BAC, Ciclos Formativos de Grao Superior



6. Haberá un premio por nivel: impresión da fotografía e diploma.



7. O xurado estará formado por: Anxos, Cristina, Inma, Luís, Montse, Sabela, Soledad e Sonia.


8. O xurado resérvase a posibilidade de outorgar accésits, recibirán un agasallo sorpresa e un diploma, ou declarar desertos os premios.



    

    


mércores, 4 de outubro de 2023

A biblioteca procura voluntari*s

 Que vos parece colaborar coa biblioteca? Procuramos un equipo que participe nas actividades da biblioteca facendo propostas, aportando ideas, facéndoas realidade...

Queremos que a fagades vosa  e que poñades a carón dos libros as ciencias, a arte, o debuxo, o teatro... o que se vos ocorra.






xoves, 28 de setembro de 2023

Comezamos o novo curso con PAPIROFLEXIA

 

 

Comezamos o novo curso con actividade na biblioteca do instituto. O alumnado de 1º ESO, novo no centro, tivo unha sesión de formación de usuarios en que, ademais de coñecer os recursos da nosa biblioteca in situ, recibiron unha 'Guía de uso' para non esquecer o aprendido. Velaquí:

 

Ademais tiveron un obradoiro de papiroflexia con Teresa Otero, unha coñecida profesora de matemáticas apaixonada do ensino e desta arte e ciencia. Podedes ler unha breve entrevista publicada nun xornal galego o pasado mes de abril aquí. Nela cóntanos, entre outras cousas, a cantidade de figuras de papel que ten realizado ao longo dos anos. Sorprenderavos todo o que pode facer cun papeliño!

Na biblioteca, Teresa explicounos que significaba a palabra e como se dicía en xaponés, ORIGAMI. Ensinounos moitas figuras preciosas e fixemos un lapis, unha caixa, un marcapáxinas, un lapiseiro... Foi unha xornada intensa e divertida!

Mais...aínda estará con nós a vindeira semana para nos descubrir onde está a xeometría dos folios, os ángulos e as rectas dos pedaciños de papel cos que facer incríbeis figuras.



 





 

xoves, 15 de xuño de 2023

Feliz verán de lecturas!

 


Xa estamos a nada de rematar as aulas e a biblioteca anímavos a escoller lecturas para este verán. Podedes vir por aquí e escoller entre os andeis das estanterías, libros ou películas, podedes preguntar no mostrador para que vos aconsellen, se non sabedes ben que podedes escoller. Outra opción, perfectamente compatíbel con estas, é entrar na Plataforma de Lecturas Dixitais a través do móbil, da tablet ou dun ordenador, e escoller alí o que queredes ler. Ademais están promocionando isto:

Así que non deixedes de indagar nesta biblioteca online nesta ligazón, e pasade pola biblio antes de acabar o curso a buscar as vosas credenciais de acceso.

Tedes unha explicación de como utilizar a plataforma neste outro enlace, ou no lateral do blog.

Feliz verán de lecturas!