Amosando publicacións coa etiqueta Día da Poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día da Poesía. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de marzo de 2023

21 de marzo, Día da Poesía


 

 

 

Onte foi 21 de marzo, Día Mundial da Poesía. E esta vez queremos achegarvos poemas visuais e/ou sonoros, 'videocreacións líricas'. Atopamos este vídeo na web do Consello da Cultura.

Onte a alumna gañadora dun dos catro premios Respira! que o Festival Alguén que respira! organizou nesta VI edición, participou nun recital coral que reuníu a 18 poetas + catro premiadas/os. O recital foi na Rúa Nova de Compostela, en diferentes lugares do pequeno tramo que hai entre o Teatro Principal e o Salón Teatro. Recitaron desde diferentes xanelas, balcóns, portais e escaparates, facendo que o público tivésemos que procurar o lugar exacto onde a/o poeta estaba. O conxunto foi un fermoso e enorme ecopoema de 22 sonoridades diferentes. E nel participou Amalia Blanco Pose desde o balcón do Salón Teatro co seu poema:

DUN MIRAR DE COR VERDE CREMADO

vento desleigado,

da miña nenez pintada de branco albor

augas agora cáusticas,

para este o meu coiro xa carbonoso

invernos que pregades un albor avesío,

estíos que impetrades un sol amortuxado,

árbores que alentabades en cores vigorosas,

fragas que tusides veriño señardoso,

vinde e respirade meu ar

tomade meu mirar aínda verde,

queimádevos deste

meu solpor xa manido

rexurdide en cinsa,

pintade axiña da vosa voaxa

as vagas do mar vindeiro,

denantes do lume precoz

que vos quite a fala 

  Parabéns de novo para esta alumna do noso instituto!!!!

Ademais deste poema, achegámosvos outras propostas visuais e sonoras. Algunhas delas coñecémolas precisamente neste festival, outras lembrámolas para vós. Todas sorprenden, talvez porque a poesía, de algunha forma, sempre sorprende.

Celia Parra 

Rosalía Fernández Rial, Árbores no deserto 

Rosalía Fernández Rial, Desnortada

Andrea Núnes Brións, Agora ti

Clo Plas 

Clo Plas, bafi

Nuria Vil, Hai outra pel

Amorante, ama hil zaigu

Amorante, Parisera joan nitzen

Jansky, Dulcisonans

Jansky, Mellifera 

 

luns, 21 de marzo de 2022

Día Mundial da Poesía. 21 de Marzo

 


A imaxe da postal vai ser o motivo da lectura do día de hoxe, 21 de marzo, Día da Poesía. Ben, talvez non a imaxe propia, senón o que asemella. Se a relacionamos coa neurociencia, podemos ver unha neurona e as súas DENDRITAs?

Di o dicionario da RAG que DENDRITA é 'cada unha das prolongacións filiformes do citoplasma dunha neurona'. 

Fixádevos neste vídeo para vela ben (imaxe e vídeo tirados de https://gl.wikipedia.org/wiki/Dendrita e https://es.wikipedia.org/wiki/Dendrita):


E que relación ten isto coa poesía? Pois Dendrita é o título do único poemario publicado por Paula Luís, unha veciña de Santa Comba. Ela é de Vigo, mais leva un tempo vivindo e traballando nunha parroquia deste concello. 

O seu libro foi publicado en 2020 por Chan da Pólvora e tedes aquí as palabras coas que a editorial nos achega á súa poesía. 

O pasado sábado 19 estivo en Compostela, no Teatro Principal, recitando no V Festival de Poesía para Corpo Principal Alguén que respira. 

Para comprender por que a autora titulou así este poemario teredes que lelo e averiguar cal foi a razón que lle fixo relacionar ciencia e poesía. Déixovos unha mostra:


O pH neutro na Acidez social


1.

HAI UN FUNGO rosa romántico nos contos da infancia.

Quédanos a imaxinación dunha única cor, cun só xénero, desa

familia en concreto.


2.

O que non se expresa…

corroe?


3.

Non me considero máis macho que outros seres por levar

bigote ou dark femia co corpse paint nos ollos.

Quen sabe se cortarei os pelos do sobaco ou afeitarei o cranio.

As revistas de moda e Arte moderna non me representan.


4.

Vivo entre XX que ouvean e XY clásicos.

Osos panda e camioneiras.

Homes que non ocupan o espazo todo.

Superdykes.

Escritores con pluma tránsfugas.

Mulleres afortunadamente confusas.

Kings e queens da súa propia república.

Fauna variada.


Quixen cambiar de nome e só se me ocorría unha raia

horizontal.


5.

Atopei un corpo que cambia de beira a miúdo

e xa non sei se son materia, enerxía,

quebrado na conciencia

ou esfera microcosmos do universo en expansión.

 

O seu libro, Dendrita, non vai tardar en estar na nosa biblioteca para quen gostedes de 'poemas que hipnotizan, estremecen e acarexan nunha única luzada' (en palabras do seu editor, Antón Lopo).

 

xoves, 25 de marzo de 2021

21 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DA POESÍA

 


Aínda que cun pouquiño de retraso, lembramos que o pasado domingo, o 21 de marzo, foi o día mundial da POESÍA. 

O poeta e narrador, Manuel Rivas leu un Manifesto en Compostela desde o balcón do teatro Principal. Así comezaba unha celebración organizada polo escritor, xornalista e editor Antón Lopo, 'Alguén que respira! IV Festival de Poesía para Corpo Principal'. Difundimos deste acto o manifesto e as algunhas das voces poéticas máis novas que participaron.

Este é o inicio do Manifesto da DES-EXTINCIÓN: 

'Estamos nun tempo de emerxencia no mundo. A poesía sempre foi voz de emerxencia.' Seguir lendo

E a poesía segue chegando ás mozas e aos mozos! Son as súas voces as que podemos escoitar aquí para celebrar este día. So dous exemplos: o primeiro, os versos dunha novísima poeta galega, Belén Senín. No ano 2017 gañou o 1º Premio do Certame Díaz Jácome para Novos Creadores e desde entón colabora en diferentes publicacións e antoloxías. Ten publicado un poemario: revoltos anos vinte. Podemos escoitala recitar algúns dos seus poemas neste enlace:


http://www.diariocultural.gal/diario-cultural/recital-de-belen-senin-un-bestiario/

O segundo, un poeta de tan so 17 anos, Mario Obrero, que en 2018 gañou o XIV Premio de Poesía Joven Félix Grande con Carpintería de Armónicos. Publicou tamén Ese ruido ya pájaro e foi galardoado co Premio Loewe á Creación por Peachetree City.




venres, 23 de marzo de 2018

BISCOITO POÉTICO





O pasado martes 20 celebramos na biblioteca un recital poético con alumnado de 1º e 4º da ESO e de 2º de Bacharelato. O recital estivo animado por Sabela Aldrey, poeta e profesora deste centro.

O alumnado de 4º da ESO, coordinado pola profesora Beatriz Rodríguez, fixo unha escolma persoal de textos poéticos que leron individualmente e en parellas. Ademáis Sabela Aldrey leu poemas dos seus libros Tímidas tonterías e Introducción al abismo. E houbo outra aportación orixinal ao recital: o poema elaborado conxuntamente por un grupo de alumnos de 1º da ESO  e que foi lido por Joel Calvo con moito sentimento.  As lecturas foron acompañadas con música de piano e guitarra.

Non só alimentamos a alma: decidimos convertir o recital poético nun biscoito poético. Ao final do recital quencemos o corpo cun bo vaso de chocolate e un anaco de biscoito. Así, co corpo e a alma cheos, celebramos o día da Poesía.