O venres 27 de marzo celebramos o Día do Teatro coa representación da obra "Castelao, un corazón á intemperie", unha produción de Fantoches Baj. Monicreques, música tradicional e teatro de máscaras para recoñecermos a figura de Castelao interpretando pequenas partes das súas obras.
sábado, 28 de marzo de 2026
Castelao no Día do Teatro
venres, 27 de marzo de 2026
Exposición "Teatro de sombras chinesas"
Lembramos o Día do Teatro, o 27 de marzo.
Na entrada do edificio principal temos esta exposición que mostra unha pequena parte da actividade desenvolvida o pasado curso polo alumnado de Artes Plásticas.
A partir do texto "El-rei Artur e a abominable dama" deseñaron as siluetas dos personaxes que agora podedes ver de preto.
Se queredes coñecer como representaron este obra coa técnica do teatro de sombras chinesas, podedes premer na entrada
E se queredes ver a obra o día da estrea, premede no seguinte vídeo
domingo, 26 de marzo de 2023
27 de marzo, Día do Teatro
MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2023
"Celebramos unha nova volta ao Sol do Teatro Galego. E aquí estamos, con todos e cada un dos días sobrevividos prendidos no corpo...
Que sorte.
Deixamos atrás os rastros das nosas creacións, pensando xa nas que están por vir, á espreita de calquera idea acubillada na anécdota... Calquera persoa, en calquera parte, pode ser ese detonante que buscamos, esa historia que finalmente narraremos. Ou, quizais, prefiramos indagar no extenso legado de historias xa escritas que constitúen o noso patrimonio e que agardan, pacientes, a seren encarnadas e revividas. Ou, quizais, decidamos non contar ningunha historia, senón ofrecer unha reflexión, ou a relación dun corpo co espazo, coa luz, co son. Simplemente. Parece tan fácil... O Teatro permite tantos códigos como artistas acolle, só ten unha condición: Alguén expresa e alguén recibe.
Ver para crer. Crer para crear.
Contemplar a perpetua convulsión da Humanidade, e convulsionar con ela. Apañar sen descanso cada desexo, cada necesidade, cada transformación. Poñer terra por medio, terra inzada de semente que nos axude a superar a intranscendencia e defender un escenario da axitación. Tanto ten a historia que queiramos contar, tanto dá como escollamos contala, tanto dan as estéticas e as teorías escénicas, ningunha é máis verdadeira ca outra. Son opcións. Propostas. Intentos. Xa.
O Teatro debe habitar no límite do precipicio e aceptar o risco dun clamoroso fracaso que, non obstante, mereza sempre a oportunidade de volver fracasar. Sigamos buscando, expoñéndonos e opoñéndonos, abrazando e reclamando. Fagamos algo... E o contrario.
Sabemos que a nosa miseria non é diferente da miseria común, ofrezámola, pois, sen pudor, coa consciencia desesperada de que cada función puidera ser a derradeira. Sen agochar que en cada segundo creado para un escenario, en cada acción, en cada palabra, en cada pausa, en cada silencio, está o presente que vivimos, e facemos parte dese presente no que nos fascina, pero tamén no que nos repugna. Sexamos a voz do inaudible. Sexamos o corpo do que desaparece. Sexamos o reflexo do que se transforma. Sexamos a acción do inamovible. Acompañemos este noso mundo no seu drama e na súa comedia... Continuemos inaccesibles ao desalento.
Fagamos sitio.
Este quere ser o Manifesto do agradecemento, da xenerosidade, da consciencia, da revisión. O Manifesto do desapercibido, do contraditorio, diso que é pequeno e anecdótico, diso que é humilde e sorprendentemente amador. O Manifesto dun Teatro libre, presente, aberto. Un Teatro que acolle e que se esforza, que comprende e que compadece, que baila, que anima o inanimado, que conmove e que nunca deixa de aprender. Un Teatro que proclama, que describe, que incomoda ou que se fai querer. Un Teatro que inclúe a diferenza, que evidencia a inxustiza e que acariña a nosa humanidade. Un Teatro que sinala, que se atreve, que contravén as tendencias do mercado porque se empeña en non ser produto.
Un Teatro, por fin, que fai o que sempre fixo: Acompañar, cuestionar, revelar, padecer...
Un Teatro do Ser."
Clara Gayo
Santiago de Compostela. Marzo de 2023
Un ano máis traémosvos o manifesto que adoita publicar a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Este ano, a cargo da actriz, dramaturga e directora Clara Gayo. Alguén a quen talvez coñezades porque andou por estas terras do Xallas impartindo obradoiros hai algúns anos. Un manifesto é un escrito onde unha persoa, neste caso no nome da asociaición, dá a coñecer as súas ideas, as súas intencións, etc.
Na imaxe inicial está María Casares, unha cerámica coa que se agasallan ás premiadas e premiados nas galas que a Asociación celebra cada ano: esta é a edición XXVII dos Premios de Teatro María Casares. Na ligazón podedes saber as candidaturas finalistas aos premios que se outorgarán nunha gala o día 30.
E por que levan o nome de María Casares? A propia asociación nolo explica: unha actriz galega moi recoñecida e premiada en Francia, país no que se exiliou tras o golpe militar de 1936. Ademáis desa breve biografía podedes ler na biblio algún texto máis extenso. Tamén nesta ligazón tedes un programa da rtve que vos dará bastante información dela.
Ademáis do manifesto e da biografía de María Casares, queremos achegarvos máis lecturas sobre o teatro en xeral e sobre o teatro galego en particular. E para iso imos traervos o Album de Mulleres, un proxecto de documentación dixital da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega; concretamente o especial "mulleres e teatro en galicia", para acceder á información sobre o teatro feito por mulleres en Galicia, ler algúns artigos sobre o tema ou ler algunhas pezas teatrais breves, como esta que vos propoñemos a continuación. Titúlase "O mal da vaca", é unha comedia ambientada en Santa Comba que presentou Begoña García Ferreiro no II Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico acadando o premio do xurado en 2008. É unha peza creada para escoitar, así que aquí tedes a versión radiofónica.
Na biblioteca tedes máis teatro radiofónico para escoitar, só tedes que pedir os audiolibros no mostrador.
luns, 28 de marzo de 2022
27 de Marzo, Día Mundial do Teatro
Hai 60 anos que ven celebrándose este día, o 27 de marzo como o Día Mundial do Teatro. Foi creado polo Instituto Internacional do Teatro en 1961 para dar a coñecer o que representa o teatro na cultura a nivel mundial. Podedes mirar a páxina deste Instituto, o seu manifesto e celebración aquí.
Tamén a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) cada ano fai público un manifesto neste día. O actor, director e dramaturgo, Fernando Dacosta, é o encargado de facelo este ano. Poético e reivindicativo, este é o texto:
MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2022
por Fernando Dacosta
'SOMOS'
Somos diversas
Somos persoas que non teñen nada asegurado, pero que teñen historias para contar
Somos habitantes de ningures en movemento cara algures
Somos da caste das nómades, das inmortais
Somos disidentes
Somos as persoas que portamos o facho dunha profesión trimilenaria. Unha profesión que existía antes dos ministerios, consellerías e concellerías de cultura e que seguirá existindo despois
Somos a voz, a literatura feita corpo, a respiración entrecortada, a suor, a exaltación dos sentidos e das emocións
Somos presidentes, ladróns, poetas, asasinos, tolos, cantantes, pallasos, titiriteiros, putas, emigrantes, exiliados, xenios, imbéciles, mortos e pantasmas
Somos directoras, dramaturgas, actrices, técnicas, deseñadoras, figurinistas, escenógrafas, programadoras ou docentes
Somos indecentes
Somos empresarias e proletarias
Somos viaxeiras constantes que convidan a quen queira a esa viaxe que volve o branco e negro que nos rodea en cor
Somos as que presentan a vida analóxica nun mundo dixital, porque pasamos dun valor a outro transitando polos valores intermedios
Somos superviventes de guerras, pandemias, insultos, persecucións, burlas, crises económicas e pestes
Somos as que morremos en moitas ocasións, as que vivimos as nosas mortes
Somos as que habitamos nun espazo da nosa sociedade onde a diglosia é á inversa: falamos e amamos o galego
Somos as que vivimos moreas de vidas, sublimes e miserables, e que convidamos a todo o mundo a vivilas con nós, porque poñerse na pel do outro reporta sabedoría
Estamos entre o abrente teatral e o rompente poético
Estamos cos ollos, as orellas e o peito aberto á nosa sociedade para devolverlle a imaxe do espello, pero non por repetida, senón por invertida, por subversiva, por distinta ao que se espera dende a liña argumental imperante
Presentamos os soños como un xeito de vida posible e entendemos a utopía como o camiño a seguir, diante de tanta distopía imposta
Dicimos que iso que nos contan non é exactamente así
Loitamos contra o efémero da arte teatral, porque o que se transmite permanece no maxín de quen o viu, de quen o sentiu, e de aí trasládase á súa contorna nunha rolda interminable
É hora de resolver a dúbida secular sobre ser ou non ser: somos!
Como aquel príncipe que se debatía entre o barbarismo da vinganza e o paso ao ser humano moderno que resolve os conflitos doutro xeito, entendemos que a dúbida é o razoable. Desconfiamos das certezas absolutas e abrimos fendas á disidencia e á subversión, opoñéndonos a quen todo o sabe.
Por iso, adiante, cidadáns! Somos batallóns, marchemos, marchemos. A revolución sempre é posible. E se nos acusan de inxenuos por crer no diálogo, no soño, na paz, na utopía e na poesía, enxalcemos a inxenuidade.
Fernando Dacosta
Desde Ourense. Cidade asediada culturalmente, a 27 de marzo de 2022.
Día mundial do Teatro.
Podedes visitar a web da Asociación neste enlace.
Na biblioteca, coma sempre, farémosvos unha proposta de lecturas teatrais que podedes seguir ou, se non vos van, buscar outras.














.png)

