mércores, 11 de xuño de 2025
luns, 24 de febreiro de 2025
Recitando a Rosalía
Homenaxe a Rosalía - Recital poético
A mellor homenaxe que lle podemos brindar á nosa grande poeta é lermos os seus textos. Nesta ocasión, o alumnado xalleiro recita poemas tanto de Cantares gallegos como de Follas novas.
Ofrecémosvos unha pequena escolma nos seguintes podcasts.
mércores, 30 de novembro de 2022
25N: lecturas sen violencias contra as mulleres
Comezamos o día 25 de novembro lendo nas paredes da entrada principal ao noso centro as vosas palabras, as vosas denuncias en forma de lemas e de microrrelatos, actividades promovidas polos Departamentos de Filosofía e de Lingua Galega / EDLN. Desgarradoras, estremecedoras, tristes as pequenas historias que contades, mais tamén transmitindo denuncia, desexo de que desaparezan da nosa sociedade, valentía ao contalas.
Na biblioteca seleccionamos algunhas lecturas, de non ficción e de ficción (que puidestes ver tamén no instagram da biblioteca).
Novembro, mes da ciencia en galego na nosa biblioteca
Comezamos novembro facéndovos dúas propostas de lecturas: unha informativa e outra de ficción. Como podedes ver no instagram da biblioteca. As dúas, con algo en común, o tema: a ciencia; e a lingua, en galego. Comezamos así a propoñer ao alumnado e ao profesorado celebrar este mes: Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares.
Ademais promovemos a elaboración de pequenos vídeos en galego sobre variados aspectos de diferentes ciencias entre alumnado e exalumnado do centro, así como tamén de alumnado de mestrados das universidades galegas. Podedes velos nas seguintes ligazóns ou premendo no vídeo correspondente:
Sumámonos así á iniciativa da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Este curso cun manifesto de José Tubío, investigador da USC, que podedes ler máis abaixo.
luns, 24 de outubro de 2022
24 de outubro: Día das Bibliotecas
Hoxe a nosa biblioteca súmase á celebración do Día das Bibliotecas que desde 1997 impulsa unha asociación de amizade do libro infantil e xuvenil xunto ao Ministerio de Cultura e Educación e as Consellarías autonómicas como a galega.
Para iso propoñémosvos vir á biblioteca esta semana a ler, a xogar ou a ver os epitafios presentados no concurso do Samaín 22.
As lecturas que vos recomendamos son varias: por un lado, relatos, novelas e mangas de medo e terror.
Por outro, libros de autoría feminina, propostas relacionadas co Día das escritoras, que desde o pasado luns 17 de outubro están nos andeis da biblioteca.
Propoñémosvos tamén lecturas online de fragmentos sobre 'Antes, durante e despois das guerras', lema que envolve a selección de textos escritos por mulleres tanto en lingua galega, realizada por Pilar Sampredro, Anxos Rial e Xosé Mª Lores; como en lingua castelá, realizada pola escritora Carmen Domingo.
E se non son do voso gosto, vide buscar outro libro ou vide ler os epitafios presentados no concurso que remata hoxe!!!
luns, 29 de novembro de 2021
Lecturas para derrubar muros de violencias.
"20 voces poéticas para o 25 N
Promoñévosvos a lectura desta escolma realizada pola biblioteca do IES San Paio de Tui. Para determonos a reflexionar!!
venres, 22 de outubro de 2021
Comezamos o curso 2021-2022 xa hai un mes!! E esta semana, o día 18 de outubro celebrouse o 'Día das escritoras'. Así que comezamos ... lendo!! Porque non queremos deixar de achegarvos esta selección de textos que nos propoñen desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galiza, onde se recollen fragmentos de obras de Begoña Caamaño, Rosalía de Castro, Xela Arias, Eva Mejuto, Emma Pedreira e moitas outras escritoras galegas. Gozade da súa lectura!!!
luns, 31 de maio de 2021
Fanzines para o verán!
A semana pasada estivo no noso centro unha ex-alumna, Eva. Trouxo varios fanzines para amosárvolos e para animarvos a coñecelos e a realizar este verán algún con ela. É posíbel que através do Concello de Santa Comba teñades esta proposta nun curso/obradoiro.
Un fanzine é unha 'revista' (di o dicionario da RAE) 'feita con poucos medios por afeccionadas e afeccionados a temas (diversos) como a música, o cine, a ciencia ficción, etc.' Calquera tema pode inspirar un fanzine, como os que nos trouxo Eva. So hai que pensar nun e atreverse a confeccionalo. Pode ser de forma individual, xunto con alguén ou en grupo.
Déixovos algunhas fotografías dos que nos trouxo para que teñades unha idea.
Pódense contar historias con debuxos
Ou pódense expresar emocións con versos
Con viñetas coma estas, é posíbel ilustrar unha idea que compartir
Tamé poden incluirse pequenos relatos
As posibilidades son tantas como imaxinemos!! Talvez o vindeiro curso poidamos realizar algún!!xoves, 22 de abril de 2021
23 DE ABRIL, DÍA MUNDIAL DO LIBRO
Xoana Almar realizou este mural en setembro de 2020 no marco de Delas Fest, un festival de arte urbana con perspectiva de xénero. Podemos velo en Compostela, nunha parede do complexo deportivo de Santa Isabel. É unha lavandeira descansando, cun libro na man!! Unha imaxe para lembrar este 23 de abril de 2021.
E algunhas palabras de escritoras e escritores sobre os libros e a lectura:
Mia Couto: “ Parecen debuxos, mais dentro das letras están as voces. Cada páxina é unha caixa infinita de voces”.
“ Ler é sempre un traslado, unha viaxe, un irse para atoparse”, di Antonio Basanta.
Siri Hustvedt: “Os signos inertes dun alfabeto vólvense significados cheos de vida na mente”.
E Xela Arias: "Ler poesía coma quen se planta nun monte a respira-lo osíxeno, sen máis aparato crítico cós pulmóns mesmos..."
E iso son os libros: caixas cheas de voces que nos contan relatos, que nos levan de viaxe, que nos fan rir, que nos emocionan, que nos fan pensar… Un ano máis celebramos que os libros nos acompañan nas nosas vidas. E para acompañarnos, temos novos libros na Biblioteca do centro.

xoves, 25 de marzo de 2021
21 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DA POESÍA
Aínda que cun pouquiño de retraso, lembramos que o pasado domingo, o 21 de marzo, foi o día mundial da POESÍA.
O poeta e narrador, Manuel Rivas leu un Manifesto en Compostela desde o balcón do teatro Principal. Así comezaba unha celebración organizada polo escritor, xornalista e editor Antón Lopo, 'Alguén que respira! IV Festival de Poesía para Corpo Principal'. Difundimos deste acto o manifesto e as algunhas das voces poéticas máis novas que participaron.
Este é o inicio do Manifesto da DES-EXTINCIÓN:
'Estamos nun tempo de emerxencia no mundo. A poesía sempre foi voz de emerxencia.' Seguir lendo
E a poesía segue chegando ás mozas e aos mozos! Son as súas voces as que podemos escoitar aquí para celebrar este día. So dous exemplos: o primeiro, os versos dunha novísima poeta galega, Belén Senín. No ano 2017 gañou o 1º Premio do Certame Díaz Jácome para Novos Creadores e desde entón colabora en diferentes publicacións e antoloxías. Ten publicado un poemario: revoltos anos vinte. Podemos escoitala recitar algúns dos seus poemas neste enlace:
http://www.diariocultural.gal/diario-cultural/recital-de-belen-senin-un-bestiario/
O segundo, un poeta de tan so 17 anos, Mario Obrero, que en 2018 gañou o XIV Premio de Poesía Joven Félix Grande con Carpintería de Armónicos. Publicou tamén Ese ruido ya pájaro e foi galardoado co Premio Loewe á Creación por Peachetree City.
xoves, 4 de marzo de 2021
DINAMIZANDO A LECTURA: 'NÓS LEMOS E TI?'
domingo, 21 de febreiro de 2021
Día de Rosalía de Castro 2021
Esta semana celebramos o 24 de febreiro, o día do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Como este curso non se pode realizar ningunha actividade presencial, propoñémosvos varias ligazóns a diferentes iniciativas que se levan a cabo estes días. Seguro que algunha vos interesa!
Desde hai varios anos a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove a redacción dun ‘manifesto’ por parte dunha escritora ou dun escritor que conmemora a figura de Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento. Este ano é de Anna R. Figueiredo e comeza así:
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021
Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto… miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.
Para coñecer un pouco máis á nosa escritora podedes visitar a web da Fundación Rosalía de Castro e a Casa Rosalía. Aí tedes a súa biografía e a súa obra, alén de imaxes da poeta ou información da casa-museo onde pasou os últimos anos da súa vida.
https://rosalia.gal/que-facemos/axenda/dia-de-rosalia-2021/
E nada mellor que celebrar esta data escoitando algúns dos poemas de Cantares Gallegos. Para iso lembramos unha iniciativa do programa da Radio Galega ‘Diario Cultural’ do ano 2014. Materializouse nun audiolibro: De Cantares Hoxe. 36 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, publicado xunto coa Fundación Rosalía de Castro e a Deputación da Coruña. Como din Ana Romaní, Anxo Quintela e Xiana Arias na introdución, o audiolibro é o resultado de “… a escrita por parte de 36 poetas dun texto inédito a partir dos poemas de Cantares Gallegos.”
Escoitaredes primeiro o poema da/do poeta que seleccionedes e a continuación o poema de Rosalía de Castro recitado por Pilar García Rego.
http://www.crtvg.es/rg/destacados/etiqueta/cantares-gallegos
Nesta ligazón podedes ler os poemas:
https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2015/02/LibroDeCantaresHoxe-Electronico.pdf
Outra iniciativa deste ano, neste caso de Elefant Records, lévanos á música de Lia Pamina e os Peregrinos. O seu último traballo xuntos é Lúa Descolorida: Tributo a Rosalía de Castro. Este é o primeiro tema, ‘Follas Novas’.










































