Atréveste a vir á biblioteca estes días de samaín? Atoparás moitas sorpresas, non só en libros e películas... algunhas serán 'deliciosas'... outras, 'terroríficas'...
Cocos, colondros, caveiras de melón, calacús, calabazotes ... estes son algúns nomes cos que podemos chamar ás cabazas do samaín, ás caveiras acesas para celebrar a última noite de outubro, a noite da festa celta do samaín, a noite que despois se chamou de defuntos. Por toda Galicia se celebra o final do verán e a entrada do outono e do inverno decorando cabazas, e moitas veces coincidía cos magostos, outra festa popular en que se asan outros froitos desta estación, as castañas.
Pois sabiades que antes se facían con nabos, con remolachas grandes ou con sandías chamadas ‘melón de auga’? Baleirábanse igualmente e poñíase dentro un anaco de carbón prendido ou unha vela. Así o facían en Irlanda, en Euskadi ou en Navarra.
Deixábanse nas portas, nos portais, nas beiras dos camiños ou en lugares escuros para que asustasen a xente que pasaba por alí. Ou eran para espantar os malos espíritos como os da Santa Compaña?
Esta tradición forma parte do noso patrimonio cultural inmaterial que debemos protexer, non vos parece? Se non se conservase non tería aparecido o Halloween en América!
Por esta razón desde a biblioteca animámosvos tamén a que decoredes a vosa cabaza e a presentedes no concurso que o Departamento de Inglés ten organizado estes días.
E que máis podemos facer coas cabazas? Pois tamén temos outra proposta cultural que facervos: esta vez, gastronómica. Álvaro Cunqueiro, un dos grandes escritores galegos do pasado século (que seguro coñecedes algúns e algunhas de vós!) tamén foi un destacado gastrónomo que publicou algúns libros de receitas galegas. Pois velaquí unha coa cabaza de protagonista, moi sinxela para que vos animedes a realizala en casa.
Chulas de cabaza.
Ingredientes:
¾ de quilo de cabaza
6 ovos
150 gramos de pan relado
Sal e pementa
Manteiga de porco
Á cabaza quítaselle a tona e as pebidas e ponse a cocer en auga con sal. Unha vez cocida redúcese á pasta e mestúrase cos ovos e o pan relado e sazónase de sal e pementa.
Con esta masa fórmanse unhas tortas, rebózanse en ovo e pan relado e frítense en manteiga de porco. (Poden substituírse os 150 gramos de pan relado por pataca cocida).
Se preferides unha versión doce das chulas de cabaza, tédela aquí neste blog.
Ademais teñen unha receita de 'madalenas de chocolate terroríficas' para quen se anime a seguir creando.
Non deixedes de vir pola biblioteca!!
E viñestes!!!
Aquí tendes unha pequena mostra fotográfica da xornada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario