mércores, 7 de decembro de 2022

Tamara Andrés no Recuncho da Tinta Violeta


 Hoxe a escritora e tradutora Tamara Andrés estivo falando do seu libro Irmá paxaro coas alumnas do club de lectura O Recuncho da Tinta Violeta. Un libro finalista no I certame de literatura xuvenil María Victoria Moreno. Tamén impartiu un obradoiro de creación literaria do que saíron textos ben interesantes. 

Todo un luxo escoitala e participar na actividade seguindo as súas propostas...como a de facer tamén... un paxaro azul?...


 

No medio da miña propia espiral

fun envexa, corrosión e,

cando me dei conta, 

intentei xirar sobre min

co fin de atopar o meu comezo,

mais só me retorcía, perdida: 

nada tiña inicio,

tampouco fin,

deviñera eterna. 

Estes son versos da súa obra Nenaespiraes coa que gañou en 2015 o Concurso de Poesía O Facho. Un libro en que se recollen composicións sobre a súa concepción do mundo. Ese mesmo ano publicara a novela Amentalista, un particular homenaxe a René Magritte, que en 1946 deu a coñecer 'O manifesto do amentalista'. 

No blog de Tamara Andrés, Temps oubliés, podedes ler un fragmento, ademais de ter información de toda a súa obra e proxectos. Nós destacamos algunhas.

Xogos surrealistas é un conxunto de poemas publicados no libro Premio 2014 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo. Está en Xerais e é do ano 2014.

Corpo de Antiochia, publicada en 2017 por Galaxia, quedou finalista no certame de poesía Miguel Hernández. En 2019 publica Bosque vermello en Positivas.

Tamara Andrés tamén publica en formato dixital. La metafísica del circo é un proxecto fotográfico e de creación literaria do que é coautora xunto a Natalia Luz Striccoli Gozza. Colabora na plataforma de traducións Sagas e na revista dixital/gabinete de curiosidades La piedra de Sísifo.

Foi guionista da curtametraxe 'Tiempos olvidados', que podedes ver aquí.

E se tedes interese en coñecer o seu labor como tradutora, podedes ler Bruxas a morta de Georges Rodenbach na Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego. Tamén atoparedes na editorial Kalandraka outras traducións súas.




mércores, 30 de novembro de 2022

25N: lecturas sen violencias contra as mulleres

 

Comezamos o día 25 de novembro lendo nas paredes da entrada principal ao noso centro as vosas palabras, as vosas denuncias en forma de lemas e de microrrelatos, actividades promovidas polos Departamentos de Filosofía e de Lingua Galega / EDLN. Desgarradoras, estremecedoras, tristes as pequenas historias que contades, mais tamén transmitindo denuncia, desexo de que desaparezan da nosa sociedade, valentía ao contalas.

Na biblioteca seleccionamos algunhas lecturas, de non ficción e de ficción (que puidestes ver tamén no instagram da biblioteca).


 


Novembro, mes da ciencia en galego na nosa biblioteca

 

 

Comezamos novembro facéndovos dúas propostas de lecturas: unha informativa e outra de ficción. Como podedes ver no instagram da biblioteca. As dúas, con algo en común, o tema: a ciencia; e a lingua, en galego. Comezamos así a propoñer ao alumnado e ao profesorado celebrar este mes: Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares

 


 

Ademais promovemos a elaboración de pequenos vídeos en galego sobre variados aspectos de diferentes ciencias entre alumnado e exalumnado do centro, así como tamén de alumnado de mestrados das universidades galegas. Podedes velos nas seguintes ligazóns ou premendo no vídeo correspondente:

   Matemáticas e Filosofía


Xeografía

Latín e Botánica 

Linguaxe

Psicoloxía

Sumámonos así á iniciativa da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Este curso cun manifesto de José Tubío, investigador da USC, que podedes ler máis abaixo.

luns, 7 de novembro de 2022

Club de Lectura das Familias

 

Despois dunha xuntanza informativa inicial, o Club de Lectura das Familias teremos a 1ª reunión o vindeiro luns 14 de novembro ás 17:30 na biblioteca do centro. Falaremos de "Ollos de auga" de Domingo VIllar.


 

Epitafios premiados

Xa temos epitafios gañadores! Cinco obtiveron un premio e todos teñen un agasallo agardando na biblioteca. Foi difícil decidir, mais o xurado emitiu o seu voto...

Thiago Da Silva Maneiro presentou o epitafio máis poético.

Ainoa Pereira Silva presentou o epitafio máis divertido.

Alexia Rey Bardanca, presentou o epitafio máis terrorífico.

Berta Lema Calo e Fátima Lado Vilaboa presentaron os epitafios máis artísticos.

Podedes velos neste vídeo:

 

Moitos parabéns a todas as persoas que ... 

"non tivestes medo de participar"...

luns, 24 de outubro de 2022

24 de outubro: Día das Bibliotecas

 

Hoxe a nosa biblioteca súmase á celebración do Día das Bibliotecas que desde 1997 impulsa unha asociación de amizade do libro infantil e xuvenil xunto ao Ministerio de Cultura e Educación e as Consellarías autonómicas como a galega

Para iso propoñémosvos vir á biblioteca esta semana a ler, a xogar ou a ver os epitafios presentados no concurso do Samaín 22. 

As lecturas que vos recomendamos son varias: por un lado, relatos, novelas e mangas de medo e terror.

 


 Por outro, libros de autoría feminina, propostas relacionadas co Día das escritoras, que desde o pasado luns 17 de outubro  están nos andeis da biblioteca.


 Propoñémosvos tamén lecturas online de fragmentos sobre 'Antes, durante e despois das guerras', lema que envolve a selección de textos escritos por mulleres tanto en lingua  galega, realizada por Pilar Sampredro, Anxos Rial e Xosé Mª Lores;  como en lingua castelá, realizada pola escritora Carmen Domingo. 

E se non son do voso gosto, vide buscar outro libro ou vide ler os epitafios presentados no concurso que remata hoxe!!!

 

xoves, 6 de outubro de 2022

Samaín 2022. Concurso de epitafios

 

Un epitafio é unha inscrición nunha tumba en memoria dunha difunta ou difunto.

  Este ano propoñémovos celebrar o samaín cun concurso de epitafios. E que ten que ver isto co samaín? Pois a 'celebración do fin do verán' (iso é o que significa a palabra 'samaín') indicaba o fin das colleitas e o inicio do solsticio de outono. Comezaba entón unha época do ano con menos luz e polo tanto máis escura. O pobo celta, que foi quen comezou a celebrar esta festividade, relacionou isto co mundo escuro dos mortos/as, con ese 'outro mundo' dos mortos e mortas. 

Despois a romanización e o cristianismo transformaron esta celebración na 'Noite de defuntos/as' e  no 'Día de todos os santos/as'. O pobo celta celebraba o inicio do ano nesta data, na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro.

Recollemos todo isto e unímolo ao noso sentido de humor, á nosa creatividade, (que é senón a 'Santa Compaña'?), unímolo á nosa tradición literaria de contos de 'medo', como por exemplo os de Ánxel Fole en A lus do candil ou o conto 'Sobre a morte de Bieito' que atopamos en Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste ou algúns dos contos de X. L. Méndez Ferrín (Lobosandaus, por exemplo) da obra Arraianos, ou algunhas das obras de Agustín Fernández Paz que tamén tedes na biblioteca (As fronteiras do medo). Algúns levados ao teatro, como recentemente Sarabela Teatro con dous contos de Arraianos; e outros levados ao cinema, coma a curta dun dos contos de Ánxel Fole.

Así que mirade as bases e traede á biblioteca un epitafio divertido, terrorífico, artístico ou poético. Esas van ser as categorías e os catro premios que o xurado vai dar entre os epitafios presentados. A única condición para aceptalo é que non sexa ofensivo.

Animádevos a participar!!! O prazo remata o día 24 e non queda moito tempo para pensalo!!!



Aquí tedes algúns exemplos para que vos inspiren:

luns, 3 de outubro de 2022

Coñece a túa Biblioteca!

 Comezamos o curso con moitos cambios no noso centro. Un deles é que a Biblioteca xa funciona sen resticións e o aforo volve ser o que era antes da covid-19. Ademais están chegando os libros das lecturas de algunhas materias. Así que agardan a que veñades por eles. Se queredes saber o que vai chegando, podedes informarvos en instagram. Mirade no lateral deste blog ou premede aquí.

Non deixedes de pasar pola vosa biblioteca!!! Lembrade que estamos no Aulario.


mércores, 1 de xuño de 2022

Club de Lectura e Familias

 

Onte demos por rematada as sesións, neste curso, deste marabilloso Club de Lectura e Familias. Fixemos unha saída á Cidade da Cultura para ver a exposición 'Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020'. Guiounos estupendamente durante máis de unha hora Miguel Ángel Cajibal Vera. E foi unha agradábel sorpresa! porque ademais hoxe soubemos que é un historiador de arte, divulgador e educador de museos que arrasa nas redes sociais. Así que con razón nos gustou. Tedes a ligazón á súa web El barroquista ou en instagram @elbarroquista se queredes saber quen é.

Desde xaneiro varias nais (na foto faltan Patricia e Monse): Argentina, Cristina Suárez, Elisabeth, Cristina Antelo e Silvia, xunto ás profes Dolores e Montse estiveron reuníndose cada mes para comentar a lectura proposta e tomar un 'chocolatiño' tamén. Así se recolleu na primeira fotografía que tomamos.

 

Escollimos dúas lecturas entre as que se lles propoñían no insti ás súas fillas e fillos para comezar: Berta Mir detective. O caso do falso accidente de Jordi Sierra i Fabra e La luna en el agua de Cecilia Domínguez Luis. E polo que elas comentaron onte, deulles para falar moito, sobre todo despois de que Dolores lles 'destripase' o libro coas súas presentacións. 

Alegrámonos moito, todo o equipo da biblioteca e todas as persoas que colaboraron, de que este proxecto fose adiante. E traballaremos para que teña continuidade o vindeiro curso con estas nais tan estupendas e con todas as que poidamos achegar, claro.

E para rematar ben xa andamos a pensar que libro/s podemos ler este verán...

Grazas a Dolo, a verdadeira promotora desta actividade, grazas a Montse, extraordinaria colaboradora, e grazas á participación de cada unha das nais (sen elas isto non sería posíbel), que fixeron un enorme esforzo para dedicarlle tempo á lectura e ás reunións. Magníficas!!
 

mércores, 18 de maio de 2022

Entrega de PREMIOS do VIII Concurso LITERARIO e do V Concurso de ILUSTRACIÓN Día do Libro 2022

 Este é o alumnado gañador dos Concursos literario e de ilustración 2022:


Premiadas e premiados do VIII Concurso Literario:
 
1ª CATEGORÍA:
 
1º PREMIO
Alexia Rey Bardana (2º ESO B)

ACCÉSIT
Berta Lema Calo (2º ESO C)

2ª CATEGORÍA:
 
1º PREMIO 
Amalia Blanco Pose (4º ESO B)

ACCÉSIT
Natalia Martínez Barreiro (4º ESO B)
 
3ª CATEGORÍA
 
1º PREMIO  
Lorena Capelo Mata (2º BACH. B)
 
ACCÉSIT
Kayla Vilariño Pombo (2ºBACH. B)  
 
 Premiadas e premiados do V Concurso de Ilustración:
 
1ª CATEGORÍA 
 
1º PREMIO 
Hugo Koc García (2º ESO B)
 
ACCÉSIT
Sara El Baghati (1º ESO C)

ACCÉSIT
María Pérez Calvo (2ª ESO B)

2ª CATEGORÍA
 
1º PREMIO
 Joel Ferreiro Vila (3º ESO A)

3ª CATEGORÍA
 
1º PREMIO
Inés Mouro Negreira (2º BACH. B)
 
PARABÉNS A TODAS AS PERSOAS GALARDOADAS
 
 
PARABÉNS TAMÉN A TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES 
 
 
 
 
Lembrade que tedes até o 30 de xullo para gastar os premios (50 euros os 1º premios e 30 os accésits) na libraría LaRepro en Santa Comba.
Os textos e ilustracións galardoadas serán publicadas en breve e repartiremos algúns exemplares antes de que remate o curso.
 
Tedes aquí os textos e ilustracións galardoadas:
 
 


luns, 16 de maio de 2022

Avaliación do funcionamento da Biblioteca


 

Para mellorar o funcionamento da biblioteca precisamos das vosas avaliacións. Animádesvos a responder este sinxelo cuestionario??

Non esquezades premer en 'ENVIAR' ao final!!! Grazas.

Avaliación das actividades realizadas pola Biblioteca

 


A continuación presentámosvos un sinxelo cuestionario para que valoredes as actividades da Biblioteca en que participastes este curso 2021-2022.

Todo o que nos digades vai axudar a mellorar as actividades do vindeiro curso.

Non esquezades premer en 'ENVIAR' ao final. Grazas pola vosa colaboración!


venres, 13 de maio de 2022

17 de maio, Día das Letras Galegas

 

Despois de escoitar algúns poemas de Florencio Delgado Gurriarán este venres pasado nas voces de algunhas alumnas e alumnos do noso centro, podemos ler a súa biografía escrita por Ledicia Costas con ilustracións de Branca Millán na web da Real Academia da Lingua (que é quen promove esta celebración). Son catro capítulos breves, así que vos animamos a lelos nestes enlaces:

Capítulo 1

Capítulo 2 

Capítulo 3

Capítulo 4 

Despois de ler a súa biografía, animádesvos a xogar con esa información? Na web da RAG tamén hai algún xogos sinxelos como ordenar as imaxes seguindo a súa vida, ou unha sopa de letras con nomes de lugares de Galiza e outros, ou un encrucillado con algúns datos da súa vida e obra, ou un xogo 'musical' dado que a el lle gustaba moito a música.

Se precisades máis información non deixedes de consultar todo o material biográfico, literario e audiovisual que hai na web da RAG.

Para rematar este vídeo de Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre, O baile de Noró, que aparece nun dos xogos que vos propuxemos.



luns, 25 de abril de 2022

23 de abril, Día Mundial do Libro

 "Velaí o libro: unha faísca da memoria do mundo".



 Como sabedes, a nosa Biblioteca celebra durante este mes o Día Mundial do Libro con dous concursos: o literario, que se celebrou o día 6, e o de ilustración, celebrado o pasado día 20. O xurado xa se puxo a deliberar para poder dar a coñecer os textos e ilustracións premiadas no mes de maio. Avisaremos con antelación o día de apertura das plicas.

A asesoría de Bibliotecas escolares de Galicia escolleu o autor da frase inicial e do texto que acompaña a edición do cartaz deste ano 2022, Xosé Ballesteros. Velaquí o cartaz:


luns, 28 de marzo de 2022

27 de Marzo, Día Mundial do Teatro

 


Hai 60 anos que ven celebrándose este día, o 27 de marzo como o Día Mundial do Teatro. Foi creado polo Instituto Internacional do Teatro en 1961 para dar a coñecer o que representa o teatro na cultura a nivel mundial. Podedes mirar a páxina deste Instituto, o seu manifesto e celebración aquí.

Tamén a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) cada ano fai público un manifesto neste día. O actor, director e dramaturgo, Fernando Dacosta, é o encargado de facelo este ano. Poético e reivindicativo, este é o texto:

MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2022

por Fernando Dacosta

'SOMOS'

Somos diversas

Somos persoas que non teñen nada asegurado, pero que teñen historias para contar

Somos habitantes de ningures en movemento cara algures

Somos da caste das nómades, das inmortais

Somos disidentes

Somos as persoas que portamos o facho dunha profesión trimilenaria. Unha profesión que existía antes dos ministerios, consellerías e concellerías de cultura e que seguirá existindo despois

Somos a voz, a literatura feita corpo, a respiración entrecortada, a suor, a exaltación dos sentidos e das emocións

Somos presidentes, ladróns, poetas, asasinos, tolos, cantantes, pallasos, titiriteiros, putas, emigrantes, exiliados, xenios, imbéciles, mortos e pantasmas

Somos directoras, dramaturgas, actrices, técnicas, deseñadoras, figurinistas, escenógrafas, programadoras ou docentes

Somos indecentes

Somos empresarias e proletarias

Somos viaxeiras constantes que convidan a quen queira a esa viaxe que volve o branco e negro que nos rodea en cor

Somos as que presentan a vida analóxica nun mundo dixital, porque pasamos dun valor a outro transitando polos valores intermedios

Somos superviventes de guerras, pandemias, insultos, persecucións, burlas, crises económicas e pestes

Somos as que morremos en moitas ocasións, as que vivimos as nosas mortes

Somos as que habitamos nun espazo da nosa sociedade onde a diglosia é á inversa: falamos e amamos o galego

Somos as que vivimos moreas de vidas, sublimes e miserables, e que convidamos a todo o mundo a vivilas con nós, porque poñerse na pel do outro reporta sabedoría

Estamos entre o abrente teatral e o rompente poético

Estamos cos ollos, as orellas e o peito aberto á nosa sociedade para devolverlle a imaxe do espello, pero non por repetida, senón por invertida, por subversiva, por distinta ao que se espera dende a liña argumental imperante

Presentamos os soños como un xeito de vida posible e entendemos a utopía como o camiño a seguir, diante de tanta distopía imposta

Dicimos que iso que nos contan non é exactamente así

Loitamos contra o efémero da arte teatral, porque o que se transmite permanece no maxín de quen o viu, de quen o sentiu, e de aí trasládase á súa contorna nunha rolda interminable

É hora de resolver a dúbida secular sobre ser ou non ser: somos!

Como aquel príncipe que se debatía entre o barbarismo da vinganza e o paso ao ser humano moderno que resolve os conflitos doutro xeito, entendemos que a dúbida é o razoable. Desconfiamos das certezas absolutas e abrimos fendas á disidencia e á subversión, opoñéndonos a quen todo o sabe.

Por iso, adiante, cidadáns! Somos batallóns, marchemos, marchemos. A revolución sempre é posible. E se nos acusan de inxenuos por crer no diálogo, no soño, na paz, na utopía e na poesía, enxalcemos a inxenuidade.

Fernando Dacosta

Desde Ourense. Cidade asediada culturalmente, a 27 de marzo de 2022.

Día mundial do Teatro.

Podedes visitar a web da Asociación neste enlace. 

Na biblioteca, coma sempre, farémosvos unha proposta de lecturas teatrais que podedes seguir ou, se non vos van, buscar outras.

 

luns, 21 de marzo de 2022

Día Mundial da Poesía. 21 de Marzo

 


A imaxe da postal vai ser o motivo da lectura do día de hoxe, 21 de marzo, Día da Poesía. Ben, talvez non a imaxe propia, senón o que asemella. Se a relacionamos coa neurociencia, podemos ver unha neurona e as súas DENDRITAs?

Di o dicionario da RAG que DENDRITA é 'cada unha das prolongacións filiformes do citoplasma dunha neurona'. 

Fixádevos neste vídeo para vela ben (imaxe e vídeo tirados de https://gl.wikipedia.org/wiki/Dendrita e https://es.wikipedia.org/wiki/Dendrita):


E que relación ten isto coa poesía? Pois Dendrita é o título do único poemario publicado por Paula Luís, unha veciña de Santa Comba. Ela é de Vigo, mais leva un tempo vivindo e traballando nunha parroquia deste concello. 

O seu libro foi publicado en 2020 por Chan da Pólvora e tedes aquí as palabras coas que a editorial nos achega á súa poesía. 

O pasado sábado 19 estivo en Compostela, no Teatro Principal, recitando no V Festival de Poesía para Corpo Principal Alguén que respira

Para comprender por que a autora titulou así este poemario teredes que lelo e averiguar cal foi a razón que lle fixo relacionar ciencia e poesía. Déixovos unha mostra:


O pH neutro na Acidez social


1.

HAI UN FUNGO rosa romántico nos contos da infancia.

Quédanos a imaxinación dunha única cor, cun só xénero, desa

familia en concreto.


2.

O que non se expresa…

corroe?


3.

Non me considero máis macho que outros seres por levar

bigote ou dark femia co corpse paint nos ollos.

Quen sabe se cortarei os pelos do sobaco ou afeitarei o cranio.

As revistas de moda e Arte moderna non me representan.


4.

Vivo entre XX que ouvean e XY clásicos.

Osos panda e camioneiras.

Homes que non ocupan o espazo todo.

Superdykes.

Escritores con pluma tránsfugas.

Mulleres afortunadamente confusas.

Kings e queens da súa propia república.

Fauna variada.


Quixen cambiar de nome e só se me ocorría unha raia

horizontal.


5.

Atopei un corpo que cambia de beira a miúdo

e xa non sei se son materia, enerxía,

quebrado na conciencia

ou esfera microcosmos do universo en expansión.

 

O seu libro, Dendrita, non vai tardar en estar na nosa biblioteca para quen gostedes de 'poemas que hipnotizan, estremecen e acarexan nunha única luzada' (en palabras do seu editor, Antón Lopo).

 

xoves, 10 de marzo de 2022

Concursos Literario e de Ilustración do Día do Libro

 Como xa é tradición no noso centro, este curso tamén celebraremos o Día do Libro cos dous concursos habituais en abril: 





 

Xa hai alumnas e alumnos anotados, mais se aínda non o fixestes, ANIMÁDEVOS!!

Podedes facelo na biblioteca, en calquera dos recreos. O prazo para inscribirse remata o 31 de marzo. Non o deixedes para o último día!!

As bases de cada un deles son estas:




Lédeas con atención e animádevos a participar!!




xoves, 24 de febreiro de 2022

23 de febreiro: DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Onte foi o Día de Rosalía e hoxe realizaremos unha actividade para lembrar o día do nacemento da poeta e escritora galega: asistiremos á representación de 'A viaxe de Rosalía' de Larraitz Urruzola. Imos todos os 1º e 2º da ESO ao multiusos Terra de Xallas, que nos cede o concello. Despois subiremos algunhas fotografías!!


 

luns, 21 de febreiro de 2022

Entrega de premios do V Concurso de Fotografía

 O pasado venres 18 entregáronse os premios do V Concurso de Fotografía organizado pola Biblioteca do IES Terra de Xallas.

As fotografías que obtiveron un premio e as súas autoras e autor recollendo os agasallos e os diplomas son as seguintes:

PRIMEIRA CATEGORÍA

1º PREMIO

JUAN M. VEIGA RIEIRO, 1º ESO C (Texto 1)


2º CATEGORÍA

1º PREMIO

 NURIA LOURIDO ROMAR, 3º ESO A (Texto 1)

ACCÉSIT

NATALIA MARTÍNEZ BARREIRO, 4º ESO B (Texto 1)

 


 3º CATEGORÍA

1º PREMIO

NOELIA QUINTÁNS VÁZQUEZ, 2º BACH. B (Texto 2) 


 

 PARABÉNS ÁS GAÑADORAS E AO GAÑADOR!!

Moitas grazas a todas as alumnas e alumnos participantes!!



xoves, 10 de febreiro de 2022

Conversa literaria con Carmen García de la Cueva

 

O Club de Lectura 'O Recuncho da Tinta Violeta' terá unha conversa literaria o vindeiro martes día 15 coa escritora, xornalista e editora Carmen Garcia de la Cueva. Despois de ler 'Mamá, quiero ser feminista', as integrantes do Club, xunto con algunhas alumnas de 2º de BACH que leron tamén o seu libro, asistirán á charla 'Esta soy yo. Maneras de contar la propia vida' e poderán compartir coa autora impresións, opinións e afectos. A continuación impartirá un Obradoiro de escrita autobiográfica na nosa biblioteca.

Ademais deste libro Carmen G. de la Cueva publicou  Un paseo por la vida de Simone de Beauvoir en 2018 e Tranquilas: historias para ir solas por la noche en 2019. Se aínda non lestes nada dela, non dubidedes en coller algún dos exemplares que temos na biblioteca!

Como xornalista colaborou en varios diarios de tirada estatal e actualmente faino na sección de Opinión de eldiario.es e en CTXT (Revista Contexto), un medio dixital moi recomendábel onde podemos ler noticias de forma analítica e pausada. Xa avisa a cabeceira deste xornal: "Orgullosas de llegar tarde a las últimas noticias". Poñémosvos o enlace ao seu último artigo aquí.

Tamén é unha das protagonistas do vídeo #Amitambién me ha pasado publicado por eldiario.es.

Ademais, Carmen G. de la Cueva foi a directora da editorial feminista La Señora Dalloway despois de creala xunto a Ángelo Néstore e Martín de Arriba en 2014. Ese mesmo ano creou La tribu. Una casa propia, un 'espazo de diálogo, lectura e aprendizaxe' , '...deixa de ser un cuarto compartido para convertirse nunha casa propria chea de cuartos e espazos onde poder criar, coidar e crear en común...' Paga a pena que visitedes 'esta súa casa' neste enlace.

O Club de Lectura, a Biblioteca e o seu equipo estamos encantadas con esta visita tan especial e emocionante!

Este encontro coa autora enmárcase dentro do Programa de Actividades Literarias en Institutos de Ensino Secundario que promove o Ministerio de Cultura e Deporte.

 

sábado, 15 de xaneiro de 2022

ÚLTIMA SEMANA PARA PARTICIPAR NO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA


 Quedan xa poucos días para presentar as vosas fotografías no concurso!!

Lembrades os textos??

Pois non esquezades que a data límite para entregar as vosas fotografías é o vindeiro domingo 23 de xaneiro.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!

bibliotecaxallas@gmail.com