mércores, 7 de decembro de 2022

Tamara Andrés no Recuncho da Tinta Violeta


 Hoxe a escritora e tradutora Tamara Andrés estivo falando do seu libro Irmá paxaro coas alumnas do club de lectura O Recuncho da Tinta Violeta. Un libro finalista no I certame de literatura xuvenil María Victoria Moreno. Tamén impartiu un obradoiro de creación literaria do que saíron textos ben interesantes. 

Todo un luxo escoitala e participar na actividade seguindo as súas propostas...como a de facer tamén... un paxaro azul?...


 

No medio da miña propia espiral

fun envexa, corrosión e,

cando me dei conta, 

intentei xirar sobre min

co fin de atopar o meu comezo,

mais só me retorcía, perdida: 

nada tiña inicio,

tampouco fin,

deviñera eterna. 

Estes son versos da súa obra Nenaespiraes coa que gañou en 2015 o Concurso de Poesía O Facho. Un libro en que se recollen composicións sobre a súa concepción do mundo. Ese mesmo ano publicara a novela Amentalista, un particular homenaxe a René Magritte, que en 1946 deu a coñecer 'O manifesto do amentalista'. 

No blog de Tamara Andrés, Temps oubliés, podedes ler un fragmento, ademais de ter información de toda a súa obra e proxectos. Nós destacamos algunhas.

Xogos surrealistas é un conxunto de poemas publicados no libro Premio 2014 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo. Está en Xerais e é do ano 2014.

Corpo de Antiochia, publicada en 2017 por Galaxia, quedou finalista no certame de poesía Miguel Hernández. En 2019 publica Bosque vermello en Positivas.

Tamara Andrés tamén publica en formato dixital. La metafísica del circo é un proxecto fotográfico e de creación literaria do que é coautora xunto a Natalia Luz Striccoli Gozza. Colabora na plataforma de traducións Sagas e na revista dixital/gabinete de curiosidades La piedra de Sísifo.

Foi guionista da curtametraxe 'Tiempos olvidados', que podedes ver aquí.

E se tedes interese en coñecer o seu labor como tradutora, podedes ler Bruxas a morta de Georges Rodenbach na Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego. Tamén atoparedes na editorial Kalandraka outras traducións súas.