luns, 28 de marzo de 2022

27 de Marzo, Día Mundial do Teatro

 


Hai 60 anos que ven celebrándose este día, o 27 de marzo como o Día Mundial do Teatro. Foi creado polo Instituto Internacional do Teatro en 1961 para dar a coñecer o que representa o teatro na cultura a nivel mundial. Podedes mirar a páxina deste Instituto, o seu manifesto e celebración aquí.

Tamén a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) cada ano fai público un manifesto neste día. O actor, director e dramaturgo, Fernando Dacosta, é o encargado de facelo este ano. Poético e reivindicativo, este é o texto:

MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2022

por Fernando Dacosta

'SOMOS'

Somos diversas

Somos persoas que non teñen nada asegurado, pero que teñen historias para contar

Somos habitantes de ningures en movemento cara algures

Somos da caste das nómades, das inmortais

Somos disidentes

Somos as persoas que portamos o facho dunha profesión trimilenaria. Unha profesión que existía antes dos ministerios, consellerías e concellerías de cultura e que seguirá existindo despois

Somos a voz, a literatura feita corpo, a respiración entrecortada, a suor, a exaltación dos sentidos e das emocións

Somos presidentes, ladróns, poetas, asasinos, tolos, cantantes, pallasos, titiriteiros, putas, emigrantes, exiliados, xenios, imbéciles, mortos e pantasmas

Somos directoras, dramaturgas, actrices, técnicas, deseñadoras, figurinistas, escenógrafas, programadoras ou docentes

Somos indecentes

Somos empresarias e proletarias

Somos viaxeiras constantes que convidan a quen queira a esa viaxe que volve o branco e negro que nos rodea en cor

Somos as que presentan a vida analóxica nun mundo dixital, porque pasamos dun valor a outro transitando polos valores intermedios

Somos superviventes de guerras, pandemias, insultos, persecucións, burlas, crises económicas e pestes

Somos as que morremos en moitas ocasións, as que vivimos as nosas mortes

Somos as que habitamos nun espazo da nosa sociedade onde a diglosia é á inversa: falamos e amamos o galego

Somos as que vivimos moreas de vidas, sublimes e miserables, e que convidamos a todo o mundo a vivilas con nós, porque poñerse na pel do outro reporta sabedoría

Estamos entre o abrente teatral e o rompente poético

Estamos cos ollos, as orellas e o peito aberto á nosa sociedade para devolverlle a imaxe do espello, pero non por repetida, senón por invertida, por subversiva, por distinta ao que se espera dende a liña argumental imperante

Presentamos os soños como un xeito de vida posible e entendemos a utopía como o camiño a seguir, diante de tanta distopía imposta

Dicimos que iso que nos contan non é exactamente así

Loitamos contra o efémero da arte teatral, porque o que se transmite permanece no maxín de quen o viu, de quen o sentiu, e de aí trasládase á súa contorna nunha rolda interminable

É hora de resolver a dúbida secular sobre ser ou non ser: somos!

Como aquel príncipe que se debatía entre o barbarismo da vinganza e o paso ao ser humano moderno que resolve os conflitos doutro xeito, entendemos que a dúbida é o razoable. Desconfiamos das certezas absolutas e abrimos fendas á disidencia e á subversión, opoñéndonos a quen todo o sabe.

Por iso, adiante, cidadáns! Somos batallóns, marchemos, marchemos. A revolución sempre é posible. E se nos acusan de inxenuos por crer no diálogo, no soño, na paz, na utopía e na poesía, enxalcemos a inxenuidade.

Fernando Dacosta

Desde Ourense. Cidade asediada culturalmente, a 27 de marzo de 2022.

Día mundial do Teatro.

Podedes visitar a web da Asociación neste enlace. 

Na biblioteca, coma sempre, farémosvos unha proposta de lecturas teatrais que podedes seguir ou, se non vos van, buscar outras.

 

luns, 21 de marzo de 2022

Día Mundial da Poesía. 21 de Marzo

 


A imaxe da postal vai ser o motivo da lectura do día de hoxe, 21 de marzo, Día da Poesía. Ben, talvez non a imaxe propia, senón o que asemella. Se a relacionamos coa neurociencia, podemos ver unha neurona e as súas DENDRITAs?

Di o dicionario da RAG que DENDRITA é 'cada unha das prolongacións filiformes do citoplasma dunha neurona'. 

Fixádevos neste vídeo para vela ben (imaxe e vídeo tirados de https://gl.wikipedia.org/wiki/Dendrita e https://es.wikipedia.org/wiki/Dendrita):


E que relación ten isto coa poesía? Pois Dendrita é o título do único poemario publicado por Paula Luís, unha veciña de Santa Comba. Ela é de Vigo, mais leva un tempo vivindo e traballando nunha parroquia deste concello. 

O seu libro foi publicado en 2020 por Chan da Pólvora e tedes aquí as palabras coas que a editorial nos achega á súa poesía. 

O pasado sábado 19 estivo en Compostela, no Teatro Principal, recitando no V Festival de Poesía para Corpo Principal Alguén que respira

Para comprender por que a autora titulou así este poemario teredes que lelo e averiguar cal foi a razón que lle fixo relacionar ciencia e poesía. Déixovos unha mostra:


O pH neutro na Acidez social


1.

HAI UN FUNGO rosa romántico nos contos da infancia.

Quédanos a imaxinación dunha única cor, cun só xénero, desa

familia en concreto.


2.

O que non se expresa…

corroe?


3.

Non me considero máis macho que outros seres por levar

bigote ou dark femia co corpse paint nos ollos.

Quen sabe se cortarei os pelos do sobaco ou afeitarei o cranio.

As revistas de moda e Arte moderna non me representan.


4.

Vivo entre XX que ouvean e XY clásicos.

Osos panda e camioneiras.

Homes que non ocupan o espazo todo.

Superdykes.

Escritores con pluma tránsfugas.

Mulleres afortunadamente confusas.

Kings e queens da súa propia república.

Fauna variada.


Quixen cambiar de nome e só se me ocorría unha raia

horizontal.


5.

Atopei un corpo que cambia de beira a miúdo

e xa non sei se son materia, enerxía,

quebrado na conciencia

ou esfera microcosmos do universo en expansión.

 

O seu libro, Dendrita, non vai tardar en estar na nosa biblioteca para quen gostedes de 'poemas que hipnotizan, estremecen e acarexan nunha única luzada' (en palabras do seu editor, Antón Lopo).

 

xoves, 10 de marzo de 2022

Concursos Literario e de Ilustración do Día do Libro

 Como xa é tradición no noso centro, este curso tamén celebraremos o Día do Libro cos dous concursos habituais en abril: 





 

Xa hai alumnas e alumnos anotados, mais se aínda non o fixestes, ANIMÁDEVOS!!

Podedes facelo na biblioteca, en calquera dos recreos. O prazo para inscribirse remata o 31 de marzo. Non o deixedes para o último día!!

As bases de cada un deles son estas:




Lédeas con atención e animádevos a participar!!