luns, 24 de outubro de 2022

24 de outubro: Día das Bibliotecas

 

Hoxe a nosa biblioteca súmase á celebración do Día das Bibliotecas que desde 1997 impulsa unha asociación de amizade do libro infantil e xuvenil xunto ao Ministerio de Cultura e Educación e as Consellarías autonómicas como a galega

Para iso propoñémosvos vir á biblioteca esta semana a ler, a xogar ou a ver os epitafios presentados no concurso do Samaín 22. 

As lecturas que vos recomendamos son varias: por un lado, relatos, novelas e mangas de medo e terror.

 


 Por outro, libros de autoría feminina, propostas relacionadas co Día das escritoras, que desde o pasado luns 17 de outubro  están nos andeis da biblioteca.


 Propoñémosvos tamén lecturas online de fragmentos sobre 'Antes, durante e despois das guerras', lema que envolve a selección de textos escritos por mulleres tanto en lingua  galega, realizada por Pilar Sampredro, Anxos Rial e Xosé Mª Lores;  como en lingua castelá, realizada pola escritora Carmen Domingo. 

E se non son do voso gosto, vide buscar outro libro ou vide ler os epitafios presentados no concurso que remata hoxe!!!

 

xoves, 6 de outubro de 2022

Samaín 2022. Concurso de epitafios

 

Un epitafio é unha inscrición nunha tumba en memoria dunha difunta ou difunto.

  Este ano propoñémovos celebrar o samaín cun concurso de epitafios. E que ten que ver isto co samaín? Pois a 'celebración do fin do verán' (iso é o que significa a palabra 'samaín') indicaba o fin das colleitas e o inicio do solsticio de outono. Comezaba entón unha época do ano con menos luz e polo tanto máis escura. O pobo celta, que foi quen comezou a celebrar esta festividade, relacionou isto co mundo escuro dos mortos/as, con ese 'outro mundo' dos mortos e mortas. 

Despois a romanización e o cristianismo transformaron esta celebración na 'Noite de defuntos/as' e  no 'Día de todos os santos/as'. O pobo celta celebraba o inicio do ano nesta data, na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro.

Recollemos todo isto e unímolo ao noso sentido de humor, á nosa creatividade, (que é senón a 'Santa Compaña'?), unímolo á nosa tradición literaria de contos de 'medo', como por exemplo os de Ánxel Fole en A lus do candil ou o conto 'Sobre a morte de Bieito' que atopamos en Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste ou algúns dos contos de X. L. Méndez Ferrín (Lobosandaus, por exemplo) da obra Arraianos, ou algunhas das obras de Agustín Fernández Paz que tamén tedes na biblioteca (As fronteiras do medo). Algúns levados ao teatro, como recentemente Sarabela Teatro con dous contos de Arraianos; e outros levados ao cinema, coma a curta dun dos contos de Ánxel Fole.

Así que mirade as bases e traede á biblioteca un epitafio divertido, terrorífico, artístico ou poético. Esas van ser as categorías e os catro premios que o xurado vai dar entre os epitafios presentados. A única condición para aceptalo é que non sexa ofensivo.

Animádevos a participar!!! O prazo remata o día 24 e non queda moito tempo para pensalo!!!



Aquí tedes algúns exemplos para que vos inspiren:

luns, 3 de outubro de 2022

Coñece a túa Biblioteca!

 Comezamos o curso con moitos cambios no noso centro. Un deles é que a Biblioteca xa funciona sen resticións e o aforo volve ser o que era antes da covid-19. Ademais están chegando os libros das lecturas de algunhas materias. Así que agardan a que veñades por eles. Se queredes saber o que vai chegando, podedes informarvos en instagram. Mirade no lateral deste blog ou premede aquí.

Non deixedes de pasar pola vosa biblioteca!!! Lembrade que estamos no Aulario.