A imaxe da postal vai ser o motivo da lectura do día de hoxe, 21 de marzo, Día da Poesía. Ben, talvez non a imaxe propia, senón o que asemella. Se a relacionamos coa neurociencia, podemos ver unha neurona e as súas DENDRITAs?
Di o dicionario da RAG que DENDRITA é 'cada unha das prolongacións filiformes do citoplasma dunha neurona'.
Fixádevos neste vídeo para vela ben (imaxe e vídeo tirados de https://gl.wikipedia.org/wiki/Dendrita e https://es.wikipedia.org/wiki/Dendrita):
E que relación ten isto coa poesía? Pois Dendrita é o título do único poemario publicado por Paula Luís, unha veciña de Santa Comba. Ela é de Vigo, mais leva un tempo vivindo e traballando nunha parroquia deste concello.
O seu libro foi publicado en 2020 por Chan da Pólvora e tedes aquí as palabras coas que a editorial nos achega á súa poesía.
O pasado sábado 19 estivo en Compostela, no Teatro Principal, recitando no V Festival de Poesía para Corpo Principal Alguén que respira.
Para comprender por que a autora titulou así este poemario teredes que lelo e averiguar cal foi a razón que lle fixo relacionar ciencia e poesía. Déixovos unha mostra:
O pH neutro na Acidez social
1.
HAI UN FUNGO rosa romántico nos contos da infancia.
Quédanos a imaxinación dunha única cor, cun só xénero, desa
familia en concreto.
2.
O que non se expresa…
corroe?
3.
Non me considero máis macho que outros seres por levar
bigote ou dark femia co corpse paint nos ollos.
Quen sabe se cortarei os pelos do sobaco ou afeitarei o cranio.
As revistas de moda e Arte moderna non me representan.
4.
Vivo entre XX que ouvean e XY clásicos.
Osos panda e camioneiras.
Homes que non ocupan o espazo todo.
Superdykes.
Escritores con pluma tránsfugas.
Mulleres afortunadamente confusas.
Kings e queens da súa propia república.
Fauna variada.
Quixen cambiar de nome e só se me ocorría unha raia
horizontal.
5.
Atopei un corpo que cambia de beira a miúdo
e xa non sei se son materia, enerxía,
quebrado na conciencia
ou esfera microcosmos do universo en expansión.
O seu libro, Dendrita, non vai tardar en estar na nosa biblioteca para quen gostedes de 'poemas que hipnotizan, estremecen e acarexan nunha única luzada' (en palabras do seu editor, Antón Lopo).
Ningún comentario:
Publicar un comentario