xoves, 25 de abril de 2024

 Árbores, follas e flores

Herbario Flores de ferro

María Rei Vilas


    Hoxe,  despois  de  moitos  meses  de   traballo,  desde comezo de curso,  inauguramos a exposición do herbario de Flores de ferro.  



    Tivemos a honra de contar coa presenza da autora desta novela, que nos falou sobre a súa vinculación co ámbito científico e a simbiose que se dá entre este e a literatura,  do proceso de elaboración do seu libro e da historia que quería contar. 



    Neste acto tamén tivo un papel destacado o alumnado, que realizou unha explicación sobre as distintas técnicas utilizadas para a elaboración dos debuxos, unha valoración sobre a novela, e o profesorado, que comentou como se debía preparar un herbario.



    Agradecemos ao alumnado e a todo o profesorado implicado neste proxecto a súa participación e, de xeito especial, a María Rei Vilas por aceptar a nosa invitación e acompañarnos neste día.





martes, 23 de abril de 2024

Árbores, follas e flores


Herbario - Flores de ferro 
María Rei Vilas
 


     A partir do próximo xoves, 25 de abril, estará exposto no vestíbulo do noso instituto este herbario, elaborado a partir da citada novela.


     A idea da realización deste proxecto xurdiu na biblioteca a finais do pasado curso.  A  súa acollida non puido ser mellor por parte dos diferentes departamentos implicados. Estivemos traballando nel durante todos estes meses e agora o traballo está finalizado. Esperamos que gocedes do resultado.




     Tendes un pequeno avance no seguinte vídeo.





 Concursos Día do Libro


     Hoxe celebramos o Día do Libro co Concurso de Ilustración. Nesta edición tivemos récord de participantes. Ocupamos a biblioteca e  habilitamos unha aula.


    Para homenaxear a Luísa Villalta, escritora a quen se lle dedica este ano 2024 o Día das Letras Galegas, o noso alumnado tivo que ilustrar os seguintes versos pertencentes ao poemario Grial do sol perdido (1985):

Andei por Santiago
pisando estrelas
na noite


       




     Moita sorte!!!



     O pasado martes, 16 de abril, tivo lugar o Concurso Literario. Tamén Luísa Villalta foi o motivo que central dos textos elaborados polo alumnado. Estes debían incluír os seguintes versos do libro Ruído (1995):


Agora xa non sei
quen son eu e quen es ti