mércores, 1 de xuño de 2022

Club de Lectura e Familias

 

Onte demos por rematada as sesións, neste curso, deste marabilloso Club de Lectura e Familias. Fixemos unha saída á Cidade da Cultura para ver a exposición 'Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020'. Guiounos estupendamente durante máis de unha hora Miguel Ángel Cajibal Vera. E foi unha agradábel sorpresa! porque ademais hoxe soubemos que é un historiador de arte, divulgador e educador de museos que arrasa nas redes sociais. Así que con razón nos gustou. Tedes a ligazón á súa web El barroquista ou en instagram @elbarroquista se queredes saber quen é.

Desde xaneiro varias nais (na foto faltan Patricia e Monse): Argentina, Cristina Suárez, Elisabeth, Cristina Antelo e Silvia, xunto ás profes Dolores e Montse estiveron reuníndose cada mes para comentar a lectura proposta e tomar un 'chocolatiño' tamén. Así se recolleu na primeira fotografía que tomamos.

 

Escollimos dúas lecturas entre as que se lles propoñían no insti ás súas fillas e fillos para comezar: Berta Mir detective. O caso do falso accidente de Jordi Sierra i Fabra e La luna en el agua de Cecilia Domínguez Luis. E polo que elas comentaron onte, deulles para falar moito, sobre todo despois de que Dolores lles 'destripase' o libro coas súas presentacións. 

Alegrámonos moito, todo o equipo da biblioteca e todas as persoas que colaboraron, de que este proxecto fose adiante. E traballaremos para que teña continuidade o vindeiro curso con estas nais tan estupendas e con todas as que poidamos achegar, claro.

E para rematar ben xa andamos a pensar que libro/s podemos ler este verán...

Grazas a Dolo, a verdadeira promotora desta actividade, grazas a Montse, extraordinaria colaboradora, e grazas á participación de cada unha das nais (sen elas isto non sería posíbel), que fixeron un enorme esforzo para dedicarlle tempo á lectura e ás reunións. Magníficas!!