Este ano propoñémovos celebrar o samaín cun concurso de epitafios. E que ten que ver isto co samaín? Pois a 'celebración do fin do verán' (iso é o que significa a palabra 'samaín') indicaba o fin das colleitas e o inicio do solsticio de outono. Comezaba entón unha época do ano con menos luz e polo tanto máis escura. O pobo celta, que foi quen comezou a celebrar esta festividade, relacionou isto co mundo escuro dos mortos/as, con ese 'outro mundo' dos mortos e mortas.
Despois a romanización e o cristianismo transformaron esta celebración na 'Noite de defuntos/as' e no 'Día de todos os santos/as'. O pobo celta celebraba o inicio do ano nesta data, na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro.
Recollemos todo isto e unímolo ao noso sentido de humor, á nosa creatividade, (que é senón a 'Santa Compaña'?), unímolo á nosa tradición literaria de contos de 'medo', como por exemplo os de Ánxel Fole en A lus do candil ou o conto 'Sobre a morte de Bieito' que atopamos en Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste ou algúns dos contos de X. L. Méndez Ferrín (Lobosandaus, por exemplo) da obra Arraianos, ou algunhas das obras de Agustín Fernández Paz que tamén tedes na biblioteca (As fronteiras do medo). Algúns levados ao teatro, como recentemente Sarabela Teatro con dous contos de Arraianos; e outros levados ao cinema, coma a curta dun dos contos de Ánxel Fole.
Así que mirade as bases e traede á biblioteca un epitafio divertido, terrorífico, artístico ou poético. Esas van ser as categorías e os catro premios que o xurado vai dar entre os epitafios presentados. A única condición para aceptalo é que non sexa ofensivo.
Animádevos a participar!!! O prazo remata o día 24 e non queda moito tempo para pensalo!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario