domingo, 26 de marzo de 2023

27 de marzo, Día do Teatro

 

MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2023

"Celebramos unha nova volta ao Sol do Teatro Galego. E aquí estamos, con todos e cada un dos días sobrevividos prendidos no corpo...

Que sorte.

Deixamos atrás os rastros das nosas creacións, pensando xa nas que están por vir, á espreita de calquera idea acubillada na anécdota... Calquera persoa, en calquera parte, pode ser ese detonante que buscamos, esa historia que finalmente narraremos. Ou, quizais, prefiramos indagar no extenso legado de historias xa escritas que constitúen o noso patrimonio e que agardan, pacientes, a seren encarnadas e revividas. Ou, quizais, decidamos non contar ningunha historia, senón ofrecer unha reflexión, ou a relación dun corpo co espazo, coa luz, co son. Simplemente. Parece tan fácil... O Teatro permite tantos códigos como artistas acolle, só ten unha condición: Alguén expresa e alguén recibe.

Ver para crer. Crer para crear.

Contemplar a perpetua convulsión da Humanidade, e convulsionar con ela. Apañar sen descanso cada desexo, cada necesidade, cada transformación. Poñer terra por medio, terra inzada de semente que nos axude a superar a intranscendencia e defender un escenario da axitación. Tanto ten a historia que queiramos contar, tanto dá como escollamos contala, tanto dan as estéticas e as teorías escénicas, ningunha é máis verdadeira ca outra. Son opcións. Propostas. Intentos. Xa.

O Teatro debe habitar no límite do precipicio e aceptar o risco dun clamoroso fracaso que, non obstante, mereza sempre a oportunidade de volver fracasar. Sigamos buscando, expoñéndonos e opoñéndonos, abrazando e reclamando. Fagamos algo... E o contrario.

Sabemos que a nosa miseria non é diferente da miseria común, ofrezámola, pois, sen pudor, coa consciencia desesperada de que cada función puidera ser a derradeira. Sen agochar que en cada segundo creado para un escenario, en cada acción, en cada palabra, en cada pausa, en cada silencio, está o presente que vivimos, e facemos parte dese presente no que nos fascina, pero tamén no que nos repugna. Sexamos a voz do inaudible. Sexamos o corpo do que desaparece. Sexamos o reflexo do que se transforma. Sexamos a acción do inamovible. Acompañemos este noso mundo no seu drama e na súa comedia... Continuemos inaccesibles ao desalento.

Fagamos sitio.

Este quere ser o Manifesto do agradecemento, da xenerosidade, da consciencia, da revisión. O Manifesto do desapercibido, do contraditorio, diso que é pequeno e anecdótico, diso que é humilde e sorprendentemente amador. O Manifesto dun Teatro libre, presente, aberto. Un Teatro que acolle e que se esforza, que comprende e que compadece, que baila, que anima o inanimado, que conmove e que nunca deixa de aprender. Un Teatro que proclama, que describe, que incomoda ou que se fai querer. Un Teatro que inclúe a diferenza, que evidencia a inxustiza e que acariña a nosa humanidade. Un Teatro que sinala, que se atreve, que contravén as tendencias do mercado porque se empeña en non ser produto.

Un Teatro, por fin, que fai o que sempre fixo: Acompañar, cuestionar, revelar, padecer...

Un Teatro do Ser."

Clara Gayo

Santiago de Compostela. Marzo de 2023

Un ano máis traémosvos o manifesto que adoita publicar a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Este ano, a cargo da actriz, dramaturga e directora Clara Gayo. Alguén a quen talvez coñezades porque andou por estas terras do Xallas impartindo obradoiros hai algúns anos. Un manifesto é un escrito onde unha persoa, neste caso no nome da asociaición, dá a coñecer as súas ideas, as súas intencións, etc.

Na imaxe inicial está María Casares, unha cerámica coa que se agasallan ás premiadas e premiados nas galas que a Asociación celebra cada ano: esta é a edición XXVII dos Premios de Teatro María Casares. Na ligazón podedes saber as candidaturas finalistas aos premios que se outorgarán nunha gala o día 30.

E por que levan o nome de María Casares? A propia asociación nolo explica: unha actriz galega moi recoñecida e premiada en Francia, país no que se exiliou tras o golpe militar de 1936. Ademáis desa breve biografía podedes ler na biblio algún texto máis extenso. Tamén nesta ligazón tedes un programa da rtve que vos dará bastante información dela.

Ademáis do manifesto e da biografía de María Casares, queremos achegarvos máis lecturas sobre o teatro en xeral e sobre o teatro galego en particular. E para iso imos traervos o Album de Mulleres, un proxecto de documentación dixital da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega; concretamente o especial "mulleres e teatro en galicia", para acceder á información sobre o teatro feito por mulleres en Galicia, ler algúns artigos sobre o tema ou ler algunhas pezas teatrais breves, como esta que vos propoñemos a continuación. Titúlase "O mal da vaca", é unha comedia ambientada en Santa Comba que presentou Begoña García Ferreiro no II Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico acadando o premio do xurado en 2008. É unha peza creada para escoitar, así que aquí tedes a versión radiofónica

Na biblioteca tedes máis teatro radiofónico para escoitar, só tedes que pedir os audiolibros no mostrador.



mércores, 22 de marzo de 2023

21 de marzo, Día da Poesía


 

 

 

Onte foi 21 de marzo, Día Mundial da Poesía. E esta vez queremos achegarvos poemas visuais e/ou sonoros, 'videocreacións líricas'. Atopamos este vídeo na web do Consello da Cultura.

Onte a alumna gañadora dun dos catro premios Respira! que o Festival Alguén que respira! organizou nesta VI edición, participou nun recital coral que reuníu a 18 poetas + catro premiadas/os. O recital foi na Rúa Nova de Compostela, en diferentes lugares do pequeno tramo que hai entre o Teatro Principal e o Salón Teatro. Recitaron desde diferentes xanelas, balcóns, portais e escaparates, facendo que o público tivésemos que procurar o lugar exacto onde a/o poeta estaba. O conxunto foi un fermoso e enorme ecopoema de 22 sonoridades diferentes. E nel participou Amalia Blanco Pose desde o balcón do Salón Teatro co seu poema:

DUN MIRAR DE COR VERDE CREMADO

vento desleigado,

da miña nenez pintada de branco albor

augas agora cáusticas,

para este o meu coiro xa carbonoso

invernos que pregades un albor avesío,

estíos que impetrades un sol amortuxado,

árbores que alentabades en cores vigorosas,

fragas que tusides veriño señardoso,

vinde e respirade meu ar

tomade meu mirar aínda verde,

queimádevos deste

meu solpor xa manido

rexurdide en cinsa,

pintade axiña da vosa voaxa

as vagas do mar vindeiro,

denantes do lume precoz

que vos quite a fala 

  Parabéns de novo para esta alumna do noso instituto!!!!

Ademais deste poema, achegámosvos outras propostas visuais e sonoras. Algunhas delas coñecémolas precisamente neste festival, outras lembrámolas para vós. Todas sorprenden, talvez porque a poesía, de algunha forma, sempre sorprende.

Celia Parra 

Rosalía Fernández Rial, Árbores no deserto 

Rosalía Fernández Rial, Desnortada

Andrea Núnes Brións, Agora ti

Clo Plas 

Clo Plas, bafi

Nuria Vil, Hai outra pel

Amorante, ama hil zaigu

Amorante, Parisera joan nitzen

Jansky, Dulcisonans

Jansky, Mellifera 

 

martes, 21 de marzo de 2023

IX Concurso Literario, 28 de marzo e VI Concurso de Ilustración, 18 de abril

 

 

Xa puidestes ver estes carteis pendurados polo instituto e en instagram. Xa están convocados os concursos que a biblioteca vos propón para o Día do Libro, o 23 de abril. Aínda falta case un mes mais xa convocamos o Concurso literario para o 28 de marzo, martes, de 10:50 a 12:30. Trátase de que nesas dúas sesións veñades á biblioteca. Recibiredes unha proposta sobre a que, inspirándovos nela, escribiredes os vosos textos, en prosa ou en verso. Ten que haber relación entre ambas, entre a nosa proposta e o voso texto, mais esa relación pode ser moi variada.

 

O Concurso de ilustración será o 18 de abril, martes, de 10:50 a 12:30 e ten características semellantes: tedes que ilustrar unha proposta que vos fará o equipo da biblioteca.

Animádevos a participar!! Tedes de prazo para anotarvos até este venres 24.

A continuación podedes ver as bases:

xoves, 16 de marzo de 2023

E-LBE.2 Lectura dixital para as bibliotecas escolares




 Instrucións para acceder á plataforma de lecturas dixitais que a Consellaría pon a disposición da comunidade escolar.

Calquera alumna e alumno que queira ler no móbil, na tablet ou no ordenador poderá facelo despois de pedirnos na biblioteca os seus datos de acceso. Témolos todos aquí, na biblioteca, á vosa disposición. Mais antes unhas orientacións imprescindíbeis para utilizar correctamente este fondo de libros dixitais.

1º. Antes de acceder de forma autenticada á plataforma debedes  navegar pola mesma para familiarizarvos con ela e ver, ademais, os títulos que hai nela.

Plataforma E-LBE.2

2º. Desde a caixa de busca podedes realizar procuras por títulos, autoras/es, etc. Unha vez realizada a primeira busca, aparecerán máis opcións de filtrado no lateral dereito, onde podedes ver outros títulos dispoñíbeis, ou seguir filtrando por editorial, materia, ano de publicación, lingua, etc.

 

3º. Unha vez localizado o título que queredes, podedes acceder á súa ficha. Apareceranvos dous botóns:


 

 

É aconsellábel que primeiro premades no botón de Vista previa para acceder ás primeiras páxinas e decidir se é esa a lectura que queredes realizar. É unha previsualización do libro que podedes facer sen estar autenticado na plataforma.

4º. Para premer no botón Prestar é necesario que esteades autenticadas/os na plataforma. Como facelo? 


 Premendo sobre o rótulo Identificarse que aparece na parte superior dereita da plataforma. Abrirase un diálogo no que teredes que introducir o Identificador e o Contrasinal que vos facilitaremos na biblioteca previamente. Teredes que introducir os datos que vos pidan: nome e apelidos, un correo electrónico da vosa nai/pai/titora/titor, etc. Teredes a opción tamén de cambiar o contrasinal. 

5º. Debedes saber que podedes obter en préstamo 2 títulos de xeito simultáneo e un máximo de 10 títulos ao longo do curso.

 Se tedes algunha dúbida ou preferides facelo na biblioteca con nós a primeira vez, xa sabedes que nos tedes á vosa disposición nos recreos.

 


sábado, 11 de marzo de 2023

A alumna Amalia Blanco Pose dobremente premiada!

 

Neste cartel temos o nome da nosa alumna de 1º de bacharelato Amalia Blanco Pose. Que significa iso? Pois que ven de gañar un concurso de poesía na súa categoría e participará recitando o seu poema xunto a outras e outros poetas o vindeiro martes 21 de marzo, xusto o Día Internacional da Poesía. Amalia participou no I Certame de poesía Respira, impulsado polo Festival Alguén que respira na súa VI edición. Preto de cen traballos centrados no tema Cambios de clima e legados culturais da vida foron os que se presentaron, e catro os premiados, entre os que está o de Amalia. Parabéns á nosa alumna!!!!!

O xurado estivo formado por Iris Cochón, Anxos Sumai e Soedade Noia xunto ao director do festival Antón Lopo. Nesta edición a ecopoesía como estratexia contra o cambio climático é o eixe do festival que comezará o sábado 18. Segundo di na web as entradas serán de balde até esgotar o aforo mais antes haberá que retiralas en www.compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do Teatro Principal de Compostela, cando as poñan á nosa disposición.

Ademais de gañar este premio, Amalia acadou un accésit nos Premios Literarios Minerva (edición nº 51) na categoría de poesía co texto titulado Folgando en cinsa. Soubémolo onte pola prensa compostelá que recolleu os nomes das persoas galardoadas. 

Esta iniciativa do colexio M. Peleteiro busca desde hai 51 anos fomentar o uso da lingua no ámbito educativo tanto en narrativa como en poesía. 

Estamos seguras de que Amalia estará moi contenta con estes recoñecementos e agardamos que queira presentarse de novo ao noso IX Concurso Literario polo Día do Libro, despois de obter o 1º premio na 2ª categoría na pasada edición. Dicímosvos xa que en breve serán convocados!!

Moitos parabéns a Amalia de todo o equipo da biblioteca do IES Terra de Xallas!!!

xoves, 2 de marzo de 2023

8M: Día Internacional das Mulleres

 


A vindeira semana a biblioteca proponvos celebrar o 8M cunha actividade de micro aberto. Podedes cantar ou tocar unha canción, ler un poema (voso ou dunha poeta que vos guste), contar un conto ou unha historia real, ler un fragmento dun libro ou deixar un lema, botar un aturuxo ou representar un pequeno monólogo ... todo cunha única condición: QUE VALORE ÁS MULLERES OU QUE DENUNCIE UNHA DESIGUALDADE COAS MULLERES.

Xa temos dúas persoas que se animan a facelo. Quen son? Pois ... Beatriz de Día por unha banda, e pola outra El Cos. Collerán o micro uns minutiños de algún dos recreos dos días 9 e 10, xoves e venres, e seguro que nos van sorprender!!

Para que todas as persoas que queirades participar poidades facelo, será preciso anotarse cun pouco de antelacón na biblio, así poderemos organizarmonos moito mellor.

 Ademais non esquezades que na biblio tedes propostas de lecturas feministas, onde as mulleres son as protagonistas e/ou as autoras.

Como este curso escribimos a biblioteca de todas as formas posíbeis, queremos facelo tamén coa música. Porén, deixámosvos as seguintes ligazóns a cancións para escoitar e ler (se premes nos subtítulos) neste 8M:

L’hymne des femmes

Habelas hainas: Hymne des femmes

Tanxugueiras: Seghadoras 

Ses: E ti, só ti

Fillas de Cassandra: Lisístrata 

Uxía: As nosas cores 

A banda da loba: Pepa 

Guadi Galego: Penélope 

A banda da loba: Anagnórise 

Mercedes Peón: Linguas elementais 

Fillas de Cassandra: Antígona 

Habelas hainas: Sete mulleres 

Fillas de Cassandra: Acrópole 

A banda da loba: Tribo 

Ses: Labregha berghantiñana 

Gloria Gaynor: I will survive

Ethel Smyth: The March of the Women 

Pensade nalgo e animádevos a coller o micro!!!

 

As Bibliotecas Escolares sumámonos á campaña Por un mundo dixital inclusivo promovido pola ONU Woman.