Atréveste a vir á biblioteca estes días de samaín? Atoparás moitas sorpresas, non só en libros e películas... algunhas serán 'deliciosas'... outras, 'terroríficas'...
Cocos, colondros, caveiras de melón,
calacús, calabazotes ... estes son algúns nomes cos que podemos
chamar ás cabazas do samaín, ás caveiras acesas para
celebrar a última noite de outubro, a noite da festa celta do
samaín, a noite que despois se chamou de defuntos. Por toda Galicia
se celebra o final do verán e a entrada do outono e do inverno
decorando cabazas, e moitas veces coincidía cos magostos, outra
festa popular en que se asan outros froitos desta estación, as
castañas.
Pois sabiades que antes se facían
con nabos, con remolachas grandes ou con sandías chamadas ‘melón
de auga’? Baleirábanse igualmente e poñíase dentro un anaco de
carbón prendido ou unha vela. Así o facían en Irlanda, en Euskadi
ou en Navarra.
Deixábanse nas portas, nos portais,
nas beiras dos camiños ou en lugares escuros para que asustasen a
xente que pasaba por alí. Ou eran para espantar os malos espíritos
como os da Santa Compaña?
Esta tradición forma parte do noso patrimonio cultural inmaterial
que debemos protexer, non vos parece? Se non se conservase non tería
aparecido o Halloween en América!
Por esta razón desde a biblioteca animámosvos tamén a que decoredes a vosa cabaza e a presentedes no
concurso que o Departamento de Inglés ten organizado estes días.
E que máis podemos facer coas
cabazas? Pois tamén temos outra proposta cultural que facervos: esta
vez, gastronómica. Álvaro Cunqueiro, un dos grandes escritores
galegos do pasado século (que seguro coñecedes algúns e algunhas
de vós!) tamén foi un destacado gastrónomo que publicou algúns
libros de receitas galegas. Pois velaquí unha coa cabaza de
protagonista, moi sinxela para que vos animedes a realizala en casa.
Chulas de cabaza.
Ingredientes:
¾ de quilo de cabaza
6 ovos
150 gramos de pan relado
Sal e pementa
Manteiga de porco
Á cabaza quítaselle a tona e as
pebidas e ponse a cocer en auga con sal. Unha vez cocida redúcese á
pasta e mestúrase cos ovos e o pan relado e sazónase de sal e
pementa.
Con esta masa fórmanse unhas
tortas, rebózanse en ovo e pan relado e frítense en manteiga de
porco. (Poden substituírse os 150 gramos de pan relado por pataca
cocida).
Se preferides unha versión doce das
chulas de cabaza, tédela aquí neste blog.
Ademais teñen unha receita de 'madalenas de chocolate terroríficas' para quen se anime a seguir creando.
Non deixedes de vir pola biblioteca!!
E viñestes!!!
Aquí tendes unha pequena mostra fotográfica da xornada.
Graciñas, e parabéns, ao alumnado de FBásica de Cociña e Restauración e ao seu profesor polas chulas de cabaza, as pastas...!!!😋😋😋
Graciñas, e parabéns, a Mar pola súa saborosa torta-cadaleito!!!
E a vós, graciñas por participardes!!!