martes, 30 de maio de 2023

Avaliades a biblioteca?

 Que vos parece avaliar tanto a biblioteca como as súas actividades nestes cuestionarios? Animádevos a responder estas sinxelas preguntas e premer en enviar ao final! Agradecémosvos as vosas suxestións para mellorar o vindeiro curso.

 

domingo, 14 de maio de 2023

17 de maio, Día das Letras Galegas.

 

 
Neste ano 2023 cúmprense sesenta anos celebrando o día das Letras Galegas. E sabedes quen foi un dos promotores? Francisco Fernández del Riego (1913-2010) propuxo, xunto a outros académicos, a creación dunha "xornada oficialmente adicada a honrar os nosos libros" o 17 de maio. Querían celebrar unha festa reivindicativa da cultura, da lingua, da identidade galega, e o libro era daquela, 1963, o símbolo dese prestixio.
No sesenta aniversario desta celebración a Real Academia Galega honra a súa figura, a dun "activista da cultura galega e de Galicia como nación que nunca se rendeu", en palabras do Presidente da RAG, Víctor Freixanes.

Mais, quen foi? Tedes na biblioteca varias obras da súa autoría (Galicia, As peregrinacións xacobeas, Pensamento galeguista do século XIX, Pensamento galeguista do século XX e Historia da literatura, ademais de algún vocabulario) e dúas biografías que volo presentan de forma amena.

Tamén hai moito material dixital que vos vai axudar a coñecer mellor todo o que fixo este escritor, xornalista e editor, que participou en varios proxectos do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos, e foi un dos fundadores da Editorial Galaxia e da revista Grial.

Na web da RAG tedes unha biografía escrita en 3 actos por Eva Mejuto e ilustrada por Lucía Cobo titulada "As cousas de don Paco", que vos recomendamos ler.
 
 

 
Hai outras máis extensas como a que está no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega de Malores Villanueva ou a da propia Academia, realizada por Ramón Nicolás. 
 
Tamén podemos ver varios vídeos que nos explican en 6 capítulos toda a súa contribución á cultura galega.
 
 
Mais se preferides xogar tedes varias propostas no portal Primavera das Letras. Que vos parece comezar por 'Ánxel Casal e o libro galego'? Foron amigos e Del Riego escribiu un libro para renderlle unha homenaxe polo seu labor, despois de ser asasinado Casal polos golpistas no 36. E falando de libros, o autor homenaxeado nestas Letras tivo un papel fundamental na creación e dirección da Biblioteca Penzol (en Vigo), chegando a ceder uns 30.000 volumes da súa propia biblioteca.

Coñecer a obra deste autor faise difícil, pois "A súa sinatura está presente en máis de 150 monografías, traballou como prologuista, editor literario ou tradutor en case un cento de títulos e asinou máis de 4.000 colaboracións en publicacións periódicas." Cultivou o ensaio sobre a cultura e a literatura galegas, estranxeira e a literatura de viaxes. Redixiu varias biografías, deu ao prelo dúas antoloxías poéticas e editou varios vocabularios galego-castelán. Se queredes ver unha listaxe completa, mirade aquí.

Nós queremos salientar dúas facetas súas: por unha banda, Fernández del Riego mantivo sempre unha activa correspondencia con diferentes figuras do panorama intelectual e político da súa época nun extenso epistolario. Por outra banda hai que resaltar o seu labor como divulgador da cultura galega na radio inglesa BBC, no programa 'Galician Programme', desde 1947 até 1956. Foi a primeira programación estábel no noso idioma. Mostra tamén do seu labor radiofónico foron as colaboracións semanais que mantivo no Diario Cultural da Radio Galega nos anos 1991 e 1992.
Estes días pasados o  EDLG en colaboración coa Biblioteca propúxovos un concurso de podcast, 'A miña contorna', para coñecerdes a relevancia deste persoeiro e a súa obra. Esta Semana das Letras saberemos que crónicas obteñen premio. Sorte a todas!!




luns, 8 de maio de 2023

Coñecemos os premios dos Concursos do Día do Libro

 

A proposta que vos fixo a Biblioteca neste curso 2022-23 para os Concursos do Día do Libro, Literario e de Ilustración, está relacionada cun estilo musical, o Jazz. Uns días despois do 23 de abril, celébrase o Día Internacional do Jazz desde o ano 2011. O 30 de abril foi a data elixida pola UNESCO co obxectivo de “sensibilizar ao público en xeral sobre as súas virtudes como ferramenta educativa e como motor para a paz, a unidade, o diálogo e como reforzo da cooperación entre os pobos.”

Ademais a historia do Jazz está enmarcada “nos esforzos a prol da dignidade humana, a democracia e os dereitos civís… e contribúe á construción de sociedades máis inclusivas.”  Son palabras da UNESCO.

A proposta é un fragmento do tema My Baby Just Cares For Me da pianista e compositora Nina Simone, quen dixo que “o jazz non era só unha música; é unha forma de vida, unha forma de ser, unha forma de pensar.”

Foi unha grande defensora dos dereitos civís, por iso tamén a escollimos. Lembrades que ese foi o tema do pasado Concurso de Fotografía?

No vídeo están todas as vosas creacións escoitando só a parte instrumental do tema (pretendiamos que non tivésedes ningunha referencia): 40 ilustracións e 31 textos. 

Parabéns a todas e a todos os participantes!!!! 


Os premios son: 50 euros para os 1º premios, 30 euros para os 2º premios e 20 euros para os accésit. Podedes utilizar os bonos NUN destes establecementos: na libraría LaRepro ou na tenda de informática PC+. Nuns días terán todo listo para que pasedes por alí as e os premiados.

Estade atentas/os para recoller os vosos diplomas e o agasallo nun próximo acto de celebración. Avisaremos con antelación para facer a foto!!!
 

GRAZAS!