martes, 10 de xaneiro de 2023

VI Concurso de Fotografía

A Biblioteca comeza o ano 2023 aconvocando a VI edición do Concurso de Fotografía. Este curso, co lema ‘Os Dereitos Civís’ proponvos tres textos tirados das palabras pronunciadas por Martin Luther King Jr. o 28 de agosto de 1963 en Whashington, ao final da Marcha polo Traballo e a Liberdade que reuniu a varios centos de miles de persoas maioritariamente negras que, convocadas por diferentes sindicatos, organizacións civís e relixiosas, reivindicaban, de forma pacífica, o final do racismo e das discriminacións contra a poboación negra de Estados Unidos: reclamaban igualdade e liberdade, reclamaban dereitos civís para a poboación negra. Podedes ver aquí un vídeo do Arquivo nacional de USA sobre como se organizou esta grande manifestación.

Hai 60 anos que Martin Luther King pronunciou ese discurso que coñecemos co título de I have a dream / Teño un soño. Neste enlace podedes ver ese momento. Foi un discurso que acadou moito éxito chegando a ser un himno para as persoas oprimidas de todo o mundo.

Ao ano seguinte, en 1964, o entón presidente Lindon B. Johnson aprobou a Lei de Dereitos Civís, prohibindo a segregación racial. En 1965 tamén asinou unha lei que permitía votar á poboación negra estadounidense.

Mais, que son os dereitos civís? Pois son os dereitos que garanten as nosas liberdades fundamentais e a nosa participación en liberdade e igualdade na vida social e política. Explícao moi ben esta ligazón á web dunha organización internacional que traballa para que se respecten estes e outros dereitos en todo o mundo.

E cales son eses dereitos? Algúns exemplos son o dereito a non ser sometida a tratos degradantes, o dereito á liberdade de pensamento ou de opinión, o dereito á xustiza ou á privacidade, o dereito á protección das e dos menores, o dereito á igualdade, etc. Podedes atopalos todos no documento  ‘Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos’ que as Nacións Unidas aprobaron en asemblea en 1966 e, a día de hoxe, ratificaron 173 países. Tedes ese documento en inglés, en galego e en castelán.

Para o concurso de fotografía escollemos tres fragmentos en inglés do discurso de Martin Luther King Jr. Se precisades axuda para entendelos ben podedes ler o discurso completo en portugués, en francés e en castelán.

Para rematar deixámosvos unha das cancións coas que o músico e poeta Bob Dylan, premio Nobel de Literatura en 2016, pechou a manifestación.

Animádevos a participar!!! Consultade as bases ou preguntádenos na biblio se tedes dúbidas!!! O prazo remata o 31 de xaneiro!


Ningún comentario:

Publicar un comentario