venres, 22 de outubro de 2021


 Comezamos o curso 2021-2022 xa hai un mes!! E esta semana, o día 18 de outubro  celebrouse o 'Día das escritoras'. Así que comezamos ... lendo!! Porque non queremos deixar de achegarvos esta selección de textos que nos propoñen desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galiza, onde se recollen fragmentos de obras de Begoña Caamaño, Rosalía de Castro, Xela Arias, Eva Mejuto, Emma Pedreira e moitas outras escritoras galegas. Gozade da súa lectura!!!

 Enlace aos textos de escritoras galegas 2021

luns, 31 de maio de 2021

Fanzines para o verán!

 

 

A semana pasada estivo no noso centro unha ex-alumna, Eva. Trouxo varios fanzines para amosárvolos e para animarvos a coñecelos e a realizar este verán algún con ela. É posíbel que através do Concello de Santa Comba teñades esta proposta nun curso/obradoiro.

Un fanzine é unha 'revista' (di o dicionario da RAE) 'feita con poucos medios por afeccionadas e afeccionados a temas (diversos) como a música, o cine, a ciencia ficción, etc.' Calquera tema pode inspirar un fanzine, como os que nos trouxo Eva. So hai que pensar nun e atreverse a confeccionalo. Pode ser de forma individual, xunto con alguén ou en grupo.

Déixovos algunhas fotografías dos que nos trouxo para que teñades unha idea.





Calquera tema vale para facer un fanzine. Este vai de pintadas nas rúas de Compostela.



Pódense contar historias con debuxos



Ou pódense expresar emocións con versos

Con viñetas coma estas, é posíbel ilustrar unha idea que compartir

Tamé poden incluirse pequenos relatos

As posibilidades son tantas como imaxinemos!! Talvez o vindeiro curso poidamos realizar algún!!



xoves, 6 de maio de 2021

17 de maio: Día das Letras Galegas.



""Benvida, tripulación!
Estades no peirao da Real Academia Galega, base principal do Primavera das Letras, un buque ao que cada ano soben milleiros de nenos e nenas cunha misión: coñecer a protagonista do Día das Letras Galegas....""
http://primaveradasletras.gal/

Así comeza unha das seccions da web da Academia Galega, promotora, cada ano, en difundir a obra dunha galega ou dun galego, importante para a nosa lingua, para na nosa cultura. Este ano dedícase a unha poeta, tradutora e mestra, 

XELA ARIAS. 

Pois..., non sei se o sabedes, mais... Xela comezou a dar aulas no noso instituto. En Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias escrita por Montse Penas aparece isto:


Como todos os anos, hai moita información sobre a homenaxeada. Propómosvos comezar a viaxe coñecendo quen foi esta muller neste "Telexornal de ficción", realizado polo CPI Plurilingüe dos DIces, Rois:

No seguinte enlace á web do IES San Paio podedes ver unha "Cronoxeliña", unha liña do tempo sobre a súa vida: Cronoxeliña. E despois poderedes completar este encrucillado sen problemas: Encrucillado.

No IES Concepción Arenal realizaron esta presentación con moita información sobre Xela Arias: Presentación.

En varias webs podedes atopar moita información sobre esta autora. Deixamos varios enlaces para coñecer a súa biografía e a súa obra.

 Biografía, Biografía

Obra, Obra, Intempériome, Darío a diario, Poemas de Xela Arias noutras voces

Xela tradutora e editora 

Entrevistas, Outros textos

6 Videos da súa biografía, Imaxes

A súa voz 

 Na biblioteca tedes este volume onde está toda a súa obra, Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004) de Mª Xesús Nogueira.

 Tamén podemos escoitar algúns dos seus poemas en diferentes versións musicais. Aquí tedes algúns exemplos de A banda da Loba, Margarida Mariño ou Germán Son:


 


 


xoves, 22 de abril de 2021

23 DE ABRIL, DÍA MUNDIAL DO LIBRO

 

Xoana Almar realizou este mural en setembro de 2020 no marco de Delas Fest, un festival de arte urbana con perspectiva de xénero. Podemos velo en Compostela, nunha parede do complexo deportivo de Santa Isabel. É unha lavandeira descansando, cun libro na man!! Unha imaxe para lembrar este 23 de abril de 2021.

E algunhas palabras de escritoras e escritores sobre os libros e a lectura:

Mia Couto: “ Parecen debuxos, mais dentro das letras están as voces. Cada páxina é unha caixa infinita de voces”. 

“ Ler é sempre un traslado, unha viaxe, un irse para atoparse”, di Antonio Basanta. 

Siri Hustvedt: “Os signos inertes dun alfabeto vólvense significados cheos de vida na mente”.

E Xela Arias: "Ler poesía coma quen se planta nun monte a respira-lo osíxeno, sen máis aparato crítico cós pulmóns mesmos..."

E iso son os libros: caixas cheas de voces que nos contan relatos, que nos levan de viaxe, que nos fan rir, que nos emocionan, que nos fan pensar… Un ano máis celebramos que os libros nos acompañan nas nosas vidas. E para acompañarnos, temos novos libros na Biblioteca do centro. 




 






xoves, 25 de marzo de 2021

21 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DA POESÍA

 


Aínda que cun pouquiño de retraso, lembramos que o pasado domingo, o 21 de marzo, foi o día mundial da POESÍA. 

O poeta e narrador, Manuel Rivas leu un Manifesto en Compostela desde o balcón do teatro Principal. Así comezaba unha celebración organizada polo escritor, xornalista e editor Antón Lopo, 'Alguén que respira! IV Festival de Poesía para Corpo Principal'. Difundimos deste acto o manifesto e as algunhas das voces poéticas máis novas que participaron.

Este é o inicio do Manifesto da DES-EXTINCIÓN: 

'Estamos nun tempo de emerxencia no mundo. A poesía sempre foi voz de emerxencia.' Seguir lendo

E a poesía segue chegando ás mozas e aos mozos! Son as súas voces as que podemos escoitar aquí para celebrar este día. So dous exemplos: o primeiro, os versos dunha novísima poeta galega, Belén Senín. No ano 2017 gañou o 1º Premio do Certame Díaz Jácome para Novos Creadores e desde entón colabora en diferentes publicacións e antoloxías. Ten publicado un poemario: revoltos anos vinte. Podemos escoitala recitar algúns dos seus poemas neste enlace:


http://www.diariocultural.gal/diario-cultural/recital-de-belen-senin-un-bestiario/

O segundo, un poeta de tan so 17 anos, Mario Obrero, que en 2018 gañou o XIV Premio de Poesía Joven Félix Grande con Carpintería de Armónicos. Publicou tamén Ese ruido ya pájaro e foi galardoado co Premio Loewe á Creación por Peachetree City.




xoves, 4 de marzo de 2021

DINAMIZANDO A LECTURA: 'NÓS LEMOS E TI?'


Subimos este pequeno vídeo para lembrarvos que o préstamo de libros e DVDs segue activo. Malia que o espazo da biblioteca está pechado este curso, iso non significa que non poidamos pedir emprestado un libro ou un DVD. Visita o Catálogo ou a Videoteca para escoller o que queiras!! E se non o atopas, fainos chegar as túas suxestións.
Seguimos lendo!!! 

domingo, 21 de febreiro de 2021

Día de Rosalía de Castro 2021

 

Esta semana celebramos o 24 de febreiro, o día do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Como este curso non se pode realizar ningunha actividade presencial, propoñémosvos varias ligazóns a diferentes iniciativas que se levan a cabo estes días. Seguro que algunha vos interesa!

Desde hai varios anos a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove a redacción dun ‘manifesto’ por parte dunha escritora ou dun escritor que conmemora a figura de Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento. Este ano é de Anna R. Figueiredo e comeza así:

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021

Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto… miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.

Ler máis

 


Para coñecer un pouco máis á nosa escritora podedes visitar a web da Fundación Rosalía de Castro e a Casa Rosalía. Aí tedes a súa biografía e a súa obra, alén de imaxes da poeta ou información da casa-museo onde pasou os últimos anos da súa vida.

https://rosalia.gal/que-facemos/axenda/dia-de-rosalia-2021/ 

 



E nada mellor que celebrar esta data escoitando algúns dos poemas de Cantares Gallegos. Para iso lembramos unha iniciativa do programa da Radio Galega ‘Diario Cultural’ do ano 2014. Materializouse nun audiolibro: De Cantares Hoxe. 36 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, publicado xunto coa Fundación Rosalía de Castro e a Deputación da Coruña. Como din Ana Romaní, Anxo Quintela e Xiana Arias na introdución, o audiolibro é o resultado de “… a escrita por parte de 36 poetas dun texto inédito a partir dos poemas de Cantares Gallegos.”

Escoitaredes primeiro o poema da/do poeta que seleccionedes e a continuación o poema de Rosalía de Castro recitado por Pilar García Rego.

http://www.crtvg.es/rg/destacados/etiqueta/cantares-gallegos

Nesta ligazón podedes ler os poemas:

https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2015/02/LibroDeCantaresHoxe-Electronico.pdf 

 



Outra iniciativa deste ano, neste caso de Elefant Records, lévanos á música de Lia Pamina e os Peregrinos. O seu último traballo xuntos é Lúa Descolorida: Tributo a Rosalía de Castro. Este é o primeiro tema, ‘Follas Novas’.