domingo, 21 de febreiro de 2021

Día de Rosalía de Castro 2021

 

Esta semana celebramos o 24 de febreiro, o día do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Como este curso non se pode realizar ningunha actividade presencial, propoñémosvos varias ligazóns a diferentes iniciativas que se levan a cabo estes días. Seguro que algunha vos interesa!

Desde hai varios anos a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove a redacción dun ‘manifesto’ por parte dunha escritora ou dun escritor que conmemora a figura de Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento. Este ano é de Anna R. Figueiredo e comeza así:

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021

Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto… miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.

Ler máis

 


Para coñecer un pouco máis á nosa escritora podedes visitar a web da Fundación Rosalía de Castro e a Casa Rosalía. Aí tedes a súa biografía e a súa obra, alén de imaxes da poeta ou información da casa-museo onde pasou os últimos anos da súa vida.

https://rosalia.gal/que-facemos/axenda/dia-de-rosalia-2021/ 

 



E nada mellor que celebrar esta data escoitando algúns dos poemas de Cantares Gallegos. Para iso lembramos unha iniciativa do programa da Radio Galega ‘Diario Cultural’ do ano 2014. Materializouse nun audiolibro: De Cantares Hoxe. 36 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, publicado xunto coa Fundación Rosalía de Castro e a Deputación da Coruña. Como din Ana Romaní, Anxo Quintela e Xiana Arias na introdución, o audiolibro é o resultado de… a escrita por parte de 36 poetas dun texto inédito a partir dos poemas de Cantares Gallegos.

Escoitaredes primeiro o poema da/do poeta que seleccionedes e a continuación o poema de Rosalía de Castro recitado por Pilar García Rego.

http://www.crtvg.es/rg/destacados/etiqueta/cantares-gallegos

Nesta ligazón podedes ler os poemas:

https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2015/02/LibroDeCantaresHoxe-Electronico.pdf 

 



Outra iniciativa deste ano, neste caso de Elefant Records, lévanos á música de Lia Pamina e os Peregrinos. O seu último traballo xuntos é Lúa Descolorida: Tributo a Rosalía de Castro. Este é o primeiro tema, ‘Follas Novas’.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario