mércores, 1 de xuño de 2022

Club de Lectura e Familias

 

Onte demos por rematada as sesións, neste curso, deste marabilloso Club de Lectura e Familias. Fixemos unha saída á Cidade da Cultura para ver a exposición 'Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020'. Guiounos estupendamente durante máis de unha hora Miguel Ángel Cajibal Vera. E foi unha agradábel sorpresa! porque ademais hoxe soubemos que é un historiador de arte, divulgador e educador de museos que arrasa nas redes sociais. Así que con razón nos gustou. Tedes a ligazón á súa web El barroquista ou en instagram @elbarroquista se queredes saber quen é.

Desde xaneiro varias nais (na foto faltan Patricia e Monse): Argentina, Cristina Suárez, Elisabeth, Cristina Antelo e Silvia, xunto ás profes Dolores e Montse estiveron reuníndose cada mes para comentar a lectura proposta e tomar un 'chocolatiño' tamén. Así se recolleu na primeira fotografía que tomamos.

 

Escollimos dúas lecturas entre as que se lles propoñían no insti ás súas fillas e fillos para comezar: Berta Mir detective. O caso do falso accidente de Jordi Sierra i Fabra e La luna en el agua de Cecilia Domínguez Luis. E polo que elas comentaron onte, deulles para falar moito, sobre todo despois de que Dolores lles 'destripase' o libro coas súas presentacións. 

Alegrámonos moito, todo o equipo da biblioteca e todas as persoas que colaboraron, de que este proxecto fose adiante. E traballaremos para que teña continuidade o vindeiro curso con estas nais tan estupendas e con todas as que poidamos achegar, claro.

E para rematar ben xa andamos a pensar que libro/s podemos ler este verán...

Grazas a Dolo, a verdadeira promotora desta actividade, grazas a Montse, extraordinaria colaboradora, e grazas á participación de cada unha das nais (sen elas isto non sería posíbel), que fixeron un enorme esforzo para dedicarlle tempo á lectura e ás reunións. Magníficas!!
 

mércores, 18 de maio de 2022

Entrega de PREMIOS do VIII Concurso LITERARIO e do V Concurso de ILUSTRACIÓN Día do Libro 2022

 Este é o alumnado gañador dos Concursos literario e de ilustración 2022:


Premiadas e premiados do VIII Concurso Literario:
 
1ª CATEGORÍA:
 
1º PREMIO
Alexia Rey Bardana (2º ESO B)

ACCÉSIT
Berta Lema Calo (2º ESO C)

2ª CATEGORÍA:
 
1º PREMIO 
Amalia Blanco Pose (4º ESO B)

ACCÉSIT
Natalia Martínez Barreiro (4º ESO B)
 
3ª CATEGORÍA
 
1º PREMIO  
Lorena Capelo Mata (2º BACH. B)
 
ACCÉSIT
Kayla Vilariño Pombo (2ºBACH. B)  
 
 Premiadas e premiados do V Concurso de Ilustración:
 
1ª CATEGORÍA 
 
1º PREMIO 
Hugo Koc García (2º ESO B)
 
ACCÉSIT
Sara El Baghati (1º ESO C)

ACCÉSIT
María Pérez Calvo (2ª ESO B)

2ª CATEGORÍA
 
1º PREMIO
 Joel Ferreiro Vila (3º ESO A)

3ª CATEGORÍA
 
1º PREMIO
Inés Mouro Negreira (2º BACH. B)
 
PARABÉNS A TODAS AS PERSOAS GALARDOADAS
 
 
PARABÉNS TAMÉN A TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES 
 
 
 
 
Lembrade que tedes até o 30 de xullo para gastar os premios (50 euros os 1º premios e 30 os accésits) na libraría LaRepro en Santa Comba.
Os textos e ilustracións galardoadas serán publicadas en breve e repartiremos algúns exemplares antes de que remate o curso.
 
Tedes aquí os textos e ilustracións galardoadas:
 
 


luns, 16 de maio de 2022

Avaliación do funcionamento da Biblioteca


 

Para mellorar o funcionamento da biblioteca precisamos das vosas avaliacións. Animádesvos a responder este sinxelo cuestionario??

Non esquezades premer en 'ENVIAR' ao final!!! Grazas.

Avaliación das actividades realizadas pola Biblioteca

 


A continuación presentámosvos un sinxelo cuestionario para que valoredes as actividades da Biblioteca en que participastes este curso 2021-2022.

Todo o que nos digades vai axudar a mellorar as actividades do vindeiro curso.

Non esquezades premer en 'ENVIAR' ao final. Grazas pola vosa colaboración!


venres, 13 de maio de 2022

17 de maio, Día das Letras Galegas

 

Despois de escoitar algúns poemas de Florencio Delgado Gurriarán este venres pasado nas voces de algunhas alumnas e alumnos do noso centro, podemos ler a súa biografía escrita por Ledicia Costas con ilustracións de Branca Millán na web da Real Academia da Lingua (que é quen promove esta celebración). Son catro capítulos breves, así que vos animamos a lelos nestes enlaces:

Capítulo 1

Capítulo 2 

Capítulo 3

Capítulo 4 

Despois de ler a súa biografía, animádesvos a xogar con esa información? Na web da RAG tamén hai algún xogos sinxelos como ordenar as imaxes seguindo a súa vida, ou unha sopa de letras con nomes de lugares de Galiza e outros, ou un encrucillado con algúns datos da súa vida e obra, ou un xogo 'musical' dado que a el lle gustaba moito a música.

Se precisades máis información non deixedes de consultar todo o material biográfico, literario e audiovisual que hai na web da RAG.

Para rematar este vídeo de Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre, O baile de Noró, que aparece nun dos xogos que vos propuxemos.



luns, 25 de abril de 2022

23 de abril, Día Mundial do Libro

 "Velaí o libro: unha faísca da memoria do mundo".



 Como sabedes, a nosa Biblioteca celebra durante este mes o Día Mundial do Libro con dous concursos: o literario, que se celebrou o día 6, e o de ilustración, celebrado o pasado día 20. O xurado xa se puxo a deliberar para poder dar a coñecer os textos e ilustracións premiadas no mes de maio. Avisaremos con antelación o día de apertura das plicas.

A asesoría de Bibliotecas escolares de Galicia escolleu o autor da frase inicial e do texto que acompaña a edición do cartaz deste ano 2022, Xosé Ballesteros. Velaquí o cartaz:


luns, 28 de marzo de 2022

27 de Marzo, Día Mundial do Teatro

 


Hai 60 anos que ven celebrándose este día, o 27 de marzo como o Día Mundial do Teatro. Foi creado polo Instituto Internacional do Teatro en 1961 para dar a coñecer o que representa o teatro na cultura a nivel mundial. Podedes mirar a páxina deste Instituto, o seu manifesto e celebración aquí.

Tamén a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) cada ano fai público un manifesto neste día. O actor, director e dramaturgo, Fernando Dacosta, é o encargado de facelo este ano. Poético e reivindicativo, este é o texto:

MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2022

por Fernando Dacosta

'SOMOS'

Somos diversas

Somos persoas que non teñen nada asegurado, pero que teñen historias para contar

Somos habitantes de ningures en movemento cara algures

Somos da caste das nómades, das inmortais

Somos disidentes

Somos as persoas que portamos o facho dunha profesión trimilenaria. Unha profesión que existía antes dos ministerios, consellerías e concellerías de cultura e que seguirá existindo despois

Somos a voz, a literatura feita corpo, a respiración entrecortada, a suor, a exaltación dos sentidos e das emocións

Somos presidentes, ladróns, poetas, asasinos, tolos, cantantes, pallasos, titiriteiros, putas, emigrantes, exiliados, xenios, imbéciles, mortos e pantasmas

Somos directoras, dramaturgas, actrices, técnicas, deseñadoras, figurinistas, escenógrafas, programadoras ou docentes

Somos indecentes

Somos empresarias e proletarias

Somos viaxeiras constantes que convidan a quen queira a esa viaxe que volve o branco e negro que nos rodea en cor

Somos as que presentan a vida analóxica nun mundo dixital, porque pasamos dun valor a outro transitando polos valores intermedios

Somos superviventes de guerras, pandemias, insultos, persecucións, burlas, crises económicas e pestes

Somos as que morremos en moitas ocasións, as que vivimos as nosas mortes

Somos as que habitamos nun espazo da nosa sociedade onde a diglosia é á inversa: falamos e amamos o galego

Somos as que vivimos moreas de vidas, sublimes e miserables, e que convidamos a todo o mundo a vivilas con nós, porque poñerse na pel do outro reporta sabedoría

Estamos entre o abrente teatral e o rompente poético

Estamos cos ollos, as orellas e o peito aberto á nosa sociedade para devolverlle a imaxe do espello, pero non por repetida, senón por invertida, por subversiva, por distinta ao que se espera dende a liña argumental imperante

Presentamos os soños como un xeito de vida posible e entendemos a utopía como o camiño a seguir, diante de tanta distopía imposta

Dicimos que iso que nos contan non é exactamente así

Loitamos contra o efémero da arte teatral, porque o que se transmite permanece no maxín de quen o viu, de quen o sentiu, e de aí trasládase á súa contorna nunha rolda interminable

É hora de resolver a dúbida secular sobre ser ou non ser: somos!

Como aquel príncipe que se debatía entre o barbarismo da vinganza e o paso ao ser humano moderno que resolve os conflitos doutro xeito, entendemos que a dúbida é o razoable. Desconfiamos das certezas absolutas e abrimos fendas á disidencia e á subversión, opoñéndonos a quen todo o sabe.

Por iso, adiante, cidadáns! Somos batallóns, marchemos, marchemos. A revolución sempre é posible. E se nos acusan de inxenuos por crer no diálogo, no soño, na paz, na utopía e na poesía, enxalcemos a inxenuidade.

Fernando Dacosta

Desde Ourense. Cidade asediada culturalmente, a 27 de marzo de 2022.

Día mundial do Teatro.

Podedes visitar a web da Asociación neste enlace. 

Na biblioteca, coma sempre, farémosvos unha proposta de lecturas teatrais que podedes seguir ou, se non vos van, buscar outras.