O día 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas e nós, esta semana, decoramos a nosa 'de Samaín'. Xuntamos as dúas celebracións nunha proposta:
Que veñades ler un conto de medo á biblioteca durante os recreos. Fixemos unha selección, mais na biblioteca sempre son ben recibidas as vosas suxestións. Hai algún libro que che provocase 'terror' ou 'pánico' e non está aquí? Nese caso, haberá que incluílo tamén.
É tempo de lecturas terroríficas...
venres, 22 de outubro de 2021
Comezamos o curso 2021-2022 xa hai un mes!! E esta semana, o día 18 de outubro celebrouse o 'Día das escritoras'. Así que comezamos ... lendo!! Porque non queremos deixar de achegarvos esta selección de textos que nos propoñen desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galiza, onde se recollen fragmentos de obras de Begoña Caamaño, Rosalía de Castro, Xela Arias, Eva Mejuto, Emma Pedreira e moitas outras escritoras galegas. Gozade da súa lectura!!!
A semana pasada estivo no noso centro unha ex-alumna, Eva. Trouxo varios fanzines para amosárvolos e para animarvos a coñecelos e a realizar este verán algún con ela. É posíbel que através do Concello de Santa Comba teñades esta proposta nun curso/obradoiro.
Un fanzine é unha 'revista' (di o dicionario da RAE) 'feita con poucos medios por afeccionadas e afeccionados a temas (diversos) como a música, o cine, a ciencia ficción, etc.' Calquera tema pode inspirar un fanzine, como os que nos trouxo Eva. So hai que pensar nun e atreverse a confeccionalo. Pode ser de forma individual, xunto con alguén ou en grupo.
Déixovos algunhas fotografías dos que nos trouxo para que teñades unha idea.
Calquera tema vale para facer un fanzine. Este vai de pintadas nas rúas de Compostela.
Pódense contar historias con debuxos
Ou pódense expresar emocións con versos
Con viñetas coma estas, é posíbel ilustrar unha idea que compartir
Tamé poden incluirse pequenos relatos
As posibilidades son tantas como imaxinemos!! Talvez o vindeiro curso poidamos realizar algún!!
""Benvida, tripulación!
Estades no peirao da Real Academia Galega, base principal do Primavera
das Letras, un buque ao que cada ano soben milleiros de nenos e nenas
cunha misión: coñecer a protagonista do Día das Letras Galegas...."" http://primaveradasletras.gal/
Así comeza unha das seccions da web da Academia Galega, promotora, cada ano, en difundir a obra dunha galega ou dun galego, importante para a nosa lingua, para na nosa cultura. Este ano dedícase a unha poeta, tradutora e mestra,
XELA ARIAS.
Pois..., non sei se o sabedes, mais... Xela comezou a dar aulas no noso instituto. En Intempestiva. Unha biografía (literaria)de Xela Arias escrita por Montse Penas aparece isto:
Como todos os anos, hai moita información sobre a homenaxeada. Propómosvos comezar a viaxe coñecendo quen foi esta muller neste "Telexornal de ficción", realizado polo CPI Plurilingüe dos DIces, Rois:
No seguinte enlace á web do IES San Paio podedes ver unha "Cronoxeliña", unha liña do tempo sobre a súa vida: Cronoxeliña. E despois poderedes completar este encrucillado sen problemas: Encrucillado.
No IES Concepción Arenal realizaron esta presentación con moita información sobre Xela Arias: Presentación.
En varias webs podedes atopar moita información sobre esta autora. Deixamos varios enlaces para coñecer a súa biografía e a súa obra.
Na biblioteca tedes este volume onde está toda a súa obra, Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004) de Mª Xesús Nogueira.
Tamén podemos escoitar algúns dos seus poemas en diferentes versións musicais. Aquí tedes algúns exemplos de A banda da Loba, Margarida Mariño ou Germán Son:
Xoana
Almar realizou este mural en setembro de 2020 no marco de Delas Fest,
un festival de arte urbana con perspectiva de xénero. Podemos velo
en Compostela, nunha parede do complexo deportivo de Santa Isabel. É
unha lavandeira descansando, cun
libro na man!! Unha imaxe para lembrar este 23
de abril de 2021.
E
algunhas palabras de escritoras e escritores sobre os libros e a
lectura:
Mia
Couto: “ Parecen debuxos, mais dentro das letras están as
voces. Cada páxina é unha caixa infinita de voces”.
“ Ler
é sempre un traslado, unha viaxe, un irse para atoparse”, di
Antonio Basanta.
Siri Hustvedt: “Os signos inertes dun
alfabeto vólvense significados cheos de vida na mente”.
E Xela Arias: "Ler poesía coma quen se planta nun monte a respira-lo osíxeno, sen máis aparato crítico cós pulmóns mesmos..."
E
iso son os libros: caixas cheas de voces que nos contan relatos, que
nos levan de viaxe, que nos fan rir, que nos emocionan, que nos fan
pensar… Un ano máis
celebramos que os libros nos acompañan nas nosas vidas. E para
acompañarnos, temos novos libros na
Biblioteca do centro.
Aínda que cun pouquiño de retraso, lembramos que o pasado domingo, o 21 de marzo, foi o día mundial da POESÍA.
O poeta e narrador, Manuel Rivas leu un Manifesto en Compostela desde o balcón do teatro Principal. Así comezaba unha celebración organizada polo escritor, xornalista e editor Antón Lopo, 'Alguén que respira! IV Festival de Poesía para Corpo Principal'. Difundimos deste acto o manifesto e as algunhas das voces poéticas máis novas que participaron.
Este é o inicio do Manifesto da DES-EXTINCIÓN:
'Estamos nun tempo de emerxencia no mundo. A poesía sempre foi voz de emerxencia.' Seguir lendo
E a poesía segue chegando ás mozas e aos mozos! Son as súas voces as que podemos escoitar aquí para celebrar este día. So dous exemplos: o primeiro, os versos dunha novísima poeta galega, Belén Senín. No ano 2017 gañou o 1º Premio do Certame Díaz Jácome para Novos Creadores e desde entón colabora en diferentes publicacións e antoloxías. Ten publicado un poemario: revoltos anos vinte. Podemos escoitala recitar algúns dos seus poemas neste enlace:
O segundo, un poeta de tan so 17 anos, Mario Obrero, que en 2018 gañou o XIV Premio de Poesía Joven Félix Grande con Carpintería de Armónicos. Publicou tamén Ese ruido ya pájaro e foi galardoado co Premio Loewe á Creación por Peachetree City.
Subimos este pequeno vídeo para lembrarvos que o préstamo de libros e DVDs segue activo. Malia que o espazo da biblioteca está pechado este curso, iso non significa que non poidamos pedir emprestado un libro ou un DVD. Visita o Catálogo ou a Videoteca para escoller o que queiras!! E se non o atopas, fainos chegar as túas suxestións.