martes, 10 de marzo de 2026

Obradoiro de regueifas

 Regueifando con Lupe Blanco

    O martes 3 de marzo o alumnado de segundo da ESO tivo o pracer de asistir ao Obradoiro de Regueifas impartido por Lupe Blanco, unha das voces máis importantes desta arte da improvisación oral. Esta actividade foi organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e a Biblioteca.

    Despois de interiorizaren os conceptos de rima, métrica e melodía, os rapaces e rapazas gozaron creando as súas propias coplas para despois interpretalas ante o resto do alumando.



    Foron momentos de diversión, de risos e de boa dose de creatividade, deixando claro que no IES Terra do Xallas chispa non falta.



Estampaxe de tecidos

Estampaxe de tecidos con Xiana Cobo


    O alumnado de Debuxo Artístico de 1º de bacharelato participou nun obradoiro de estampaxe de tecidos coa Xiana Cobo.             

                              

    O martes 24 de febreiro tivo lugar, durante cinco horas, a primeira sesión, dedicada a introducir entre o alumnado a figura da grande artista galega Maruxa Mallo. 


    Deseguido realizáronse os selos para a estampaxe. Este labor consistiu en debuxar as figuras e pasalas a unhas pranchas de goma. Precisaron aprender o uso de determinadas ferramentas como as gubias e tamén efectuaron prácticas con pintura morada. Aínda que realizaron os seus propios selos, tamén puideron probar os selos de Xiana Cobo.



    O xoves 26 de febreiro, durante outras cinco horas, desenvolveuse a segunda sesión, destinada á elaboración e estampaxe do seu propio pano. Finalmente, tiveron unha introdución á técnica do ourelo de rolo para evitar que o tecido se esfiañe.

                                        

                  

Parabéns polo resultado!!!