mércores, 30 de novembro de 2022

25N: lecturas sen violencias contra as mulleres

 

Comezamos o día 25 de novembro lendo nas paredes da entrada principal ao noso centro as vosas palabras, as vosas denuncias en forma de lemas e de microrrelatos, actividades promovidas polos Departamentos de Filosofía e de Lingua Galega / EDLN. Desgarradoras, estremecedoras, tristes as pequenas historias que contades, mais tamén transmitindo denuncia, desexo de que desaparezan da nosa sociedade, valentía ao contalas.

Na biblioteca seleccionamos algunhas lecturas, de non ficción e de ficción (que puidestes ver tamén no instagram da biblioteca).


 


Novembro, mes da ciencia en galego na nosa biblioteca

 

 

Comezamos novembro facéndovos dúas propostas de lecturas: unha informativa e outra de ficción. Como podedes ver no instagram da biblioteca. As dúas, con algo en común, o tema: a ciencia; e a lingua, en galego. Comezamos así a propoñer ao alumnado e ao profesorado celebrar este mes: Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares. 

 


 

Ademais promovemos a elaboración de pequenos vídeos en galego sobre variados aspectos de diferentes ciencias entre alumnado e exalumnado do centro, así como tamén de alumnado de mestrados das universidades galegas. Podedes velos nas seguintes ligazóns ou premendo no vídeo correspondente:

   Matemáticas e Filosofía


Xeografía

Latín e Botánica 

Linguaxe

Psicoloxía

Sumámonos así á iniciativa da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Este curso cun manifesto de José Tubío, investigador da USC, que podedes ler máis abaixo.

luns, 7 de novembro de 2022

Club de Lectura das Familias

 

Despois dunha xuntanza informativa inicial, o Club de Lectura das Familias teremos a 1ª reunión o vindeiro luns 14 de novembro ás 17:30 na biblioteca do centro. Falaremos de "Ollos de auga" de Domingo VIllar.


 

Epitafios premiados

Xa temos epitafios gañadores! Cinco obtiveron un premio e todos teñen un agasallo agardando na biblioteca. Foi difícil decidir, mais o xurado emitiu o seu voto...

Thiago Da Silva Maneiro presentou o epitafio máis poético.

Ainoa Pereira Silva presentou o epitafio máis divertido.

Alexia Rey Bardanca, presentou o epitafio máis terrorífico.

Berta Lema Calo e Fátima Lado Vilaboa presentaron os epitafios máis artísticos.

Podedes velos neste vídeo:

 

Moitos parabéns a todas as persoas que ... 

"non tivestes medo de participar"...

luns, 24 de outubro de 2022

24 de outubro: Día das Bibliotecas

 

Hoxe a nosa biblioteca súmase á celebración do Día das Bibliotecas que desde 1997 impulsa unha asociación de amizade do libro infantil e xuvenil xunto ao Ministerio de Cultura e Educación e as Consellarías autonómicas como a galega. 

Para iso propoñémosvos vir á biblioteca esta semana a ler, a xogar ou a ver os epitafios presentados no concurso do Samaín 22. 

As lecturas que vos recomendamos son varias: por un lado, relatos, novelas e mangas de medo e terror.

 


 Por outro, libros de autoría feminina, propostas relacionadas co Día das escritoras, que desde o pasado luns 17 de outubro  están nos andeis da biblioteca.


 Propoñémosvos tamén lecturas online de fragmentos sobre 'Antes, durante e despois das guerras', lema que envolve a selección de textos escritos por mulleres tanto en lingua  galega, realizada por Pilar Sampredro, Anxos Rial e Xosé Mª Lores;  como en lingua castelá, realizada pola escritora Carmen Domingo. 

E se non son do voso gosto, vide buscar outro libro ou vide ler os epitafios presentados no concurso que remata hoxe!!!

 

xoves, 6 de outubro de 2022

Samaín 2022. Concurso de epitafios

 

Un epitafio é unha inscrición nunha tumba en memoria dunha difunta ou difunto.

  Este ano propoñémovos celebrar o samaín cun concurso de epitafios. E que ten que ver isto co samaín? Pois a 'celebración do fin do verán' (iso é o que significa a palabra 'samaín') indicaba o fin das colleitas e o inicio do solsticio de outono. Comezaba entón unha época do ano con menos luz e polo tanto máis escura. O pobo celta, que foi quen comezou a celebrar esta festividade, relacionou isto co mundo escuro dos mortos/as, con ese 'outro mundo' dos mortos e mortas. 

Despois a romanización e o cristianismo transformaron esta celebración na 'Noite de defuntos/as' e  no 'Día de todos os santos/as'. O pobo celta celebraba o inicio do ano nesta data, na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro.

Recollemos todo isto e unímolo ao noso sentido de humor, á nosa creatividade, (que é senón a 'Santa Compaña'?), unímolo á nosa tradición literaria de contos de 'medo', como por exemplo os de Ánxel Fole en A lus do candil ou o conto 'Sobre a morte de Bieito' que atopamos en Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste ou algúns dos contos de X. L. Méndez Ferrín (Lobosandaus, por exemplo) da obra Arraianos, ou algunhas das obras de Agustín Fernández Paz que tamén tedes na biblioteca (As fronteiras do medo). Algúns levados ao teatro, como recentemente Sarabela Teatro con dous contos de Arraianos; e outros levados ao cinema, coma a curta dun dos contos de Ánxel Fole.

Así que mirade as bases e traede á biblioteca un epitafio divertido, terrorífico, artístico ou poético. Esas van ser as categorías e os catro premios que o xurado vai dar entre os epitafios presentados. A única condición para aceptalo é que non sexa ofensivo.

Animádevos a participar!!! O prazo remata o día 24 e non queda moito tempo para pensalo!!!



Aquí tedes algúns exemplos para que vos inspiren:

luns, 3 de outubro de 2022

Coñece a túa Biblioteca!

 Comezamos o curso con moitos cambios no noso centro. Un deles é que a Biblioteca xa funciona sen resticións e o aforo volve ser o que era antes da covid-19. Ademais están chegando os libros das lecturas de algunhas materias. Así que agardan a que veñades por eles. Se queredes saber o que vai chegando, podedes informarvos en instagram. Mirade no lateral deste blog ou premede aquí.

Non deixedes de pasar pola vosa biblioteca!!! Lembrade que estamos no Aulario.